FAYEZ BADAWI, REPRESENTANTE DA FPLP

“Israel é coma un vampiro, se non hai sangue, non hai Israel”

Publicamos un avanzo da entrevista que esta quinta feira editará Sermos Galiza no nº 105 do semanario en papel. Conversamos con Badawi sobre a operación 'Bordo Protector' e o conflito en Palestina.

Fayez-Badawi
photo_camera Fayez Badawi

Fayez Badawi é representante da Fronte Popular para a Liberación de Palestina. Refuxiado palestino no Líbano, reside actualmente en Alacant mais visita Galiza con frecuencia onde ten boas amizades desde hai anos. Antes de comezar amósase moi agradecido pola solidariedade “do pobo galego” e “o compromiso tan sincero e humano” que transmitiu a Palestina “especialmente nos momentos difíciles”. Acubillámonos baixo unha árbore para fuxir da calor que os primeiros días de verán trouxeron a Compostela, lonxe dos bombardeos que asedian Gaza desde hai máis dunha semana e que causaron a morte a perto de 200 persoas, unha boa parte crianzas.

Máis dunha semana de bombardeos en Gaza. Que é o que está a acontecer en Palestina?
Israel está a levar a cabo unha práctica de eliminación total do pobo palestino. Está cometendo un xenocidio. O ataque a Gaza non é máis que unha escusa para axeonllar o pobo palestino.  Como o chamado proceso de paz está paralizado e hai un achegamento entre as forzas palestinas cara á unha unidade nacional –através dun programa de mínimos que abrangue as 13 forzas da OLP máis Hamás e a Yihad Islámica—Israel o que pretende atacando Gaza é obrigar o presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP) a ceder perante os intereses israelitas. Boicotar esa unidade coa escusa de que Hamás lanza foguetes desde Gaza. Mais o que queren é que o presidente [Mahmud Abbas] ceda cada vez máis para que o pobo fique sen nada e continuar coa súa política imperialista e colonialista.

"Israel o que pretende atacando Gaza é obrigar o presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP) a ceder perante os intereses israelís"

Foi o asesinato dos tres israelitas unha escusa para comezar de novo unha ofensiva militar?
Israel escúsase en todo. Non é cuestión da morte de tres colonos. Antes deste feito vimos que o 15 de maio, o día da nosa desgraza [conmemórase a Al-Nakba] cando saímos a reivindicar os nosos dereitos nun exemplo de dignidade, Israel asasinou a tiros en Cisxordania a nenos de 15 e 17 anos. E non pasou nada. Outro día un mozo moi novo en Xerusalén, por ser árabe, foi secuestrado e queimado vivo. Israel non é un estado natural, é un estado colonial. A nosa terra ten 27.000 quilómetros cadrados e só controlamos dúas zonas: Gaza, o maior campo de concentración de toda a historia, unha faixa de 370 km cadrados no que malviven 1,5 millóns de persoas; e Cisxordania  onde só controlamos 2.000 de 5.000 quilómetros cadrados por mor do muro da vergoña. Está dividida en tres partes e todas elas foron colonizadas por persoas que van armadas até os dentes. Non van alí vivir en paz, van impor a súa lei e a humillarnos. Son soldados.

A entrevista íntegra será publicada no número 105 do semanario Sermos Galiza. A partir desta quinta feira nos quiosques do país. 

Comentarios