martes 07/12/21

Israel, co xeonllo sobre o pescozo de Palestina

A aviación israelí bombardeou durante o mes de agosto 100 obxectivos de Hamas en Gaza, mais os ataques á poboación maniféstanse en forma de bloqueo económico. Tamén en Cisxordania, que se mantén á espera dos acontecementos sobre a adiada anexión, as forzas armadas continúan a estabelecer a súa lei de forma expeditiva. 
EuropaPress_3297569_02_september_2020_palestinian_territories_gaza_city_palestinian_fishermen
Mariñeiros palestinos, na cuarta feira, prepáranse para volver á actividade logo do acordo de cesamento do fogo entre Hamas e Israel (Abed Alrahman Alkahlout / Quds Net)

Tanques israelís e avións de combate, helicópteros de combate e outras naves aéreas levaron a cabo ataques contra aproximadamente 100 obxectivos de Hamas en toda a faixa de Gaza nas últimas tres semanas, en resposta ao lanzamento de globos con explosivos, segundo comunicaron nas últimas horas as Forzas de Defensa de Israel (Tzahal, no acrónimo en hebreo polo que son popularmente coñecidas as forzas armadas).

O anuncio fíxose despois do acordo de cesamento das hostilidades alcanzado a comezos desta semana entre Israel e Hamas coa mediación de Qatar. O pacto para deter a violencia ao longo da zona fronteiriza tamén incluíu a reapertura inmediata da zona pesqueira de Gaza, que o Goberno de Tel Aviv bloqueara, así como os pasos fronteirizos.

O avance nas negociacións produciuse a medida que o número de casos de coronavirus no acosado enclave palestino continúa a aumentar cada día, ameazando con outra crise humanitaria nunha zona que xa carece de acceso regular á electricidade e á auga potábel, entre outros efectos do bloqueo ao que o Estado de Israel somete Gaza.

Tres meniños mortos

Esta mesma semana, tres menores palestinos morreron no campamento de refuxiados de Nuseirat, a dez quilómetros ao suroeste da cidade de Gaza, como consecuencia do desabastecemento de electricidade que provoca ao bloqueo israelí. Segundo recolle The Times of Israel, a familia dos meniños dixo que, mentres estaban sós, se producira un incendio na casa en que vivían polo uso de candeas como fonte de luz. Candos os proxenitores chegaron, as lapas devoraban a vivenda, mais os bombeiros tardaron unha hora en chegar e tampouco tiñan fontes de auga para sufocar o lume. 

Na véspera do falecemento dos tres nenos ─de 5, 3 e 1 ano de idade─, o coordinador humanitario da ONU para os territorios palestinos ocupados, Jamie McGoldrick, manifestaba que o Estado de Israel "debe levantar inmediatamente" as sancións impostas a Gaza e permitir a entrada de artigos esenciais. 

"O deterioro observado nas últimas semanas na faixa de Gaza é moi preocupante", sinalou, en referencia ás restricións impostas durante a recente escalada.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

"Israel limitou a transferencia de certos bens ao enclave costeiro bloqueado, reduciu a zona de pesca permitida e impediu as entregas de combustíbel, incluído o facilitado pola ONU para a única central eléctrica de Gaza", manifestou McGoldrick, e engadiu: "O 24 de agosto confirmáronse os primeiros casos da Covid-19 fóra das instalacións de corentena", algo que marcaba "un importante deterioro da situación sanitaria".

Vídeo viral

A actuación das Tzahal tamén se deixa notar en Cisxordania. Nas últimas horas fíxose viral nas redes sociais un vídeo que mostra un soldado israelí tirando ao chan a Khairi Hannoun, un manifestante palestino de 60 anos, mentres outros militares levantan os rifles e increpan a un grupo de fotógrafos de noticias que retrocedan. Ademais, escóitase o disparo dun proxectil, aínda que non está claro se foi unha granada de atordamento ou un gas lacrimóxeno. Cando finalmente o ten inmobilizado é que o soldado coloca o xeonllo sobre o pescozo do manifestante mentres lle pon os grillóns. 

Hannoun dixo que estaba con ducias de manifestantes na aldea de Shufa, perto da cidade ocupada de Tulkarm, protestando contra os plans israelís de confiscar 80 hectáreas do terreo para construír un parque industrial. "Os soldados israelís golpeáronme con forza e un deles apertoume o xeonllo contra o pescozo durante uns minutos", agregando que "fiquei quedo para evitar máis presión no pescozo, mais a xente sacoume".

"Uns cantos anciáns manifestámonos, pensando que os soldados non nos atacarían, mais estabamos trabucados. Atacáronnos como matóns", afirmou Hannoun en declaracións a Haaretz. "Teño 60 anos, que lle podo facer eu a un soldado armado? Mais, para o oficial na escena, son unha ameaza, e en cuestión de minutos comezou a atacarme brutalmente", afirmou e preguntado polo paralelismo coa morte de George Floyd, dixo: "Así me sentín, sentín que estaba afogando".

As Tzahal, pola súa banda, sinalaron que "os vídeos nas redes sociais son parciais, fortemente editados e non reflicten os violentos disturbios nin a violencia contra as tropas [israelís] que ocorreu antes da detención", salientando que os manifestantes lanzaran pedras e atacaran os soldados.

Ao respecto, as forzas palestinas locais explicaron que ducias de manifestantes sufriran a inhalación de gas lacrimóxeno despois de as forzas israelís usaren munición real, con disparos na dirección dos concentrados.

Israel, co xeonllo sobre o pescozo de Palestina
comentarios