Israel bombardea unha escola da ONU en Gaza

Un día despois de Nacións Unidas votar a prol da abertura dunha investigación a Tel Aviv por crimes de guerra, chega a resposta israelita. O Exército sionista bombardeou unha escola refuxio da ONU en Gaza. 15 mortos.

shelter

Israel continúa a mostrar a súa absoluta falta de respeito pola legalidade internacional en xeral e polas resolucións de Nacións Unidas en particular. Lonxe de mostrar a menor inquietude pola decisión da ONU de investigar se perpetrou crimes de guerra en Gaza, os canóns israelitas continuaron a cuspir lume. E desta volta con recado á organización liderada por Ban Ki Moon incluído.

A UNRWA é unha axencia de Nacións Unidas que asiste aos centos de miles de refuxiados palestinianos. Unha súa escola serve de acubillo para os desprazados en Beit Hanun, no norte de Gaza. Ese foi un dos obxectivos militares de Israel esta quinta feira.

Portavoces da UNRWA afirmaron en twitter que, ao advertiren actividade bélica perto da escola, esta organización facilitou ao Exército israelita as coordenadas exactas da localización do refuxio, para evitar ser albo dos ataques militares. Aliás, tamén estabeleceron negociacións cos uniformados sionistas para que permitisen a saída ordenada de civís.

Ao detectar a actividade bélica perto, a UNRWA facilitara ao Exército israelita as coordenadas exactas da ubicación da escola para evitar ser albo do ataque

Non houbo forma. Israel tiña tomado a decisión de mostrar o seu desprezo a Nacións Unidas e actuou en consecuencia. O bombardeo saldouse cun balanzo estarrecedor: 15 palestinianos asasinados, varias crianzas entre eles, e 200 persoas feridas.

Ban Ki Moon, secretario xeral da ONU, informou de que entre os mortos se acha persoal de Nacións Unidas.

Nas súas declaracións, Ban Ki Moon abstívose de atribuír a responsabilidade do ataque a Israel e afirmou que as circunstancias en que se produciu o bombardeamento da escola non puideron ser aínda esclarecidas.

A versión israelita

Fontes israelitas insinuaron, en declaracións a Al Jazeera, que a escola foi destruída por un foguete lanzado polas milicias palestinianas, un proxectil defectuoso que non completou a traxectoria prevista e que tería impactado na escola. Nengunha das fontes consultadas por Al Jazeera dan credibilidade á versión do Exército hebreo. 

Non é a primeira vez que Israel bombardea escolas-refuxio de Nacións Unidas e tamén é certo que a ONU ten advertido a Hamas que non utilice as súas instalacións como agocho do arsenal das súas milicias armadas.

Comentarios