Israel asasina 27 palestinos en 6 meses

 2.330 novos detidos no primeiro semestre.

palestinaaa

A represión non dá tregua en Palestina. Segundo os dados achegados pola Autoridade Nacional Palestina, 27 civís foron asasinados polas forzas armadas israelís no último semestre, entre eles 7 nenos. A maioría das execucións concentráronse en Cisxordania e Xerusalén con 17 mortes, resultando febreiro o mes máis sanguento ao sumar 10 vítimas mortais. Asemade, nese período, resultaron feridos por armas de fogo 1.070 palestinos e palestinas, mentres participaban en diversas mobilizacións ou actos de protesta

As forzas israelís de ocupación detiveron 2.330 persoas no primeiro semestre do ano, entre eles 304 nenos. Así as cousas, a área de prisioneiros da Organización de Liberación de Palestina(OLP) cifra en máis 4.700 os cidadáns palestinos confinados nos cárceres de Israel. Neste sentido, Amnistía Internacional denuncia “as condicións inhumanas dos centros de detención de Israel” así como “as prácticas represivas, as torturas e castigos colectivos, que privan aos reclusos dos seus dereitos máis básicos”.

Amnistía Internacional crítica, tamén,  a presenza de 700 palestinos encarcerados que presentan graves problemas de saúde. A este respecto, a entidade advirte “dunha deliberada neglixencia médica que a administración dos cárceres leva a cabo como forma de castigo colectivo” e alerta do “risco engadido introducido pola expansión da pandemia do coronavirus”, que segundo a OLP ten provocado “ducias de mortes de militantes nos centros de detención sionista”.

A Autoridade Nacional Palestina informou que “as forzas de ocupación demoleron 375 vivendas e instalacións durante a primeira metade deste ano, das cales 136 corresponden con fogares residenciais e 221 con establecemento e servizos comunitarios. 54% de todas estas demolicións concentráronse nas cidades de Hebrón e Xerusalén ocupada”.

Comentarios