Israel ameaza cun ataque terrestre cando o número de mortes ascende a 115

Na noite da quinta feira comunicárase que as tropas terrestres de Israel ingresaran na Franxa de Gaza. Porén, horas despois o propio Exército israelí aclarou que a información era errada e que se difundira debido a un problema de “comunicación interna”.

Efectivos do Exército israelí practicaron detencións na cidade de Lod na noite da quinta feira (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Efectivos do Exército israelí practicaron detencións na cidade de Lod na noite da quinta feira (Imaxe: Europa Press)

Israel ameaza Gaza cun ataque terrestre en medio de ataques aéreos e o seu Exército reforza tropas e tanques perto do enclave palestino sitiado. Na noite da quinta feira continuou o lanzamento de proxectís de artillaría por parte do sionismo.

Tropas israelís permanecen concentradas na fronteira cando o número de falecementos en Gaza aumenta a medida que Israel intensifica os bombardeos. Estímase que as mortes entre a poboación palestina chegan a 115 -entre eles, cando menos, 31 crianzas-, que a cifra de persoas feridas supera as 600 e que son máis de 4.000 os edificios danados. Tamén finaron seis israelís e un cidadán indio.

Tamén se produciron enfrontamentos violentos entre xudeus israelís e cidadáns palestinos en varias cidades pertencentes a Israel. En Cisxordania, un neno resultou ferido na mañá da sexta feira, por unha bala, tras os choques entre colonos e palestinos, informa a axencia de prensa Safa.

De feito, unha publicación de New Press nas redes sociais amosa varios colonos israelís atacando fogares palestinos na cidade de Hebrón, en Cisxordania.

Noutra posíbel escalada, disparáronse cando menos tres foguetes desde o sur do Líbano cara a Israel.

O líder de Hamas, Ismail Haniyeh, emprazou os cidadáns palestinos dos territorios ocupados e de Israel a saíren e manifestárense esta sexta feira, segundo día de Eid al-Fitr, que celebra a fin do xaxún do Ramadán.

Nas últimas horas, bombardeos de artillaría golpearon o sur da cidade de Gaza, onde se alcanzaron casas de civís.

Comentarios