Israel acepta o alto ao fogo proposto por Exipto

Hamás e a Yihad islámica rexeitan a proposta e solicitan un acordo previo sobre as demandas palestinas. "Non é aceptábel comezar un alto ao fogo a curto prazo e despois negociar os seus termos", sinalan desde a Yihad. 

Palestina

Após máis dunha semana de bombardeos sobre a Faixa de Gaza o gabinete de Seguridade israelí acordou esta terza feira (15 de xullo) aceptar a proposta de Exipto e iniciar un alto ao fogo de 12 horas (das 08.00 a.m en diante) para con posterioridade iniciar unha rolda de negociacións entre as organizacións palestinas e Tel Aviv na cidade do Cairo. 

A iniciativa exipcia chama a frear os ataques en todas as frontes (mar, terra e aire) e a abertura de pasos fronteirizos que faciliten a circulación de persoas e de provisións en Gaza e os territorios ocupados. 

A Yihad islámica e Hamás rexeitan a proposta 

Porén, desde Hamás e a Yihad islámica non aceptan a proposta formulada polo Ministerio de Asuntos Exteriores exipcio sen non se negociar previamente as demandas palestinas e as propias condicións do cesamento das hostilidades. "Non é aceptábel comezar un alto ao fogo a curto prazo e despois negociar os seus termos. Experimentamos isto no pasado e foi un fracaso", sinalan fontes da Yihad islámica recollidas canle de televisión catarí  Al-Jazeera. 

"O que se precisa é un acordo sobre as demandas do pobo palestino, principalmente pór fin ao bloqueo e abrir os cruces fronteirizos. Despois poderase reiniciar a situación. De calquera outra maneira a historia repetirase", acrecentou un alto cargo do grupo Jaled al Batch. 

"O que se precisa é un acordo sobre as demandas do pobo palestino, principalmente pór fin ao bloqueo e abrir os cruces fronteirizos", reclaman desde a Yihad

Pola súa banda, Hamás tamén asegurou que non apoia a proposta pois, din, "a verdadeira intención desta iniciativa é que se faga unha reverencia e se amose submisión", ao tempo que sinalou, "a nosa batalla co inimigo continuará e incrementarase en ferocidade e intensidade". Hamás fixo estas declaracións através das  Brigadas de Ezzeldin al Qassam para esclarecer a súa postura a respeito dos acontecementos e para "evitar a confusión" xerada polos medios de comunicación. "Aclaramos ao noso pobo que non participaremos de maneira formal ou informal" nas negociacións propostas por Exipto. 

Após os días de ofensiva militar israelí o Ministerio de Sanidade palestino fixo público o último balanzo de vítimas. No que vai de operación 'Bordo Protector' foron asasinadas 1809persoas na Faixa de Gaza e arredor de 1.400 foron feridas polas bombas. Aliás, máis de 200 casas foron derrubadas pola aviación israelí en oito días de agresións. 

Comentarios