Islandia retira a súa solicitude de adhesión á Unión Europea

O país non poderá presentar unha outra candidatura sen submeter a cuestión a referendo.

nei takk
photo_camera Cartaz no que se pode ler `Non, grazas' á adhesión de Islandia á UE

Esta sexta feira (13 de marzo) o goberno islandés comunicou formalmente á Comisión europea a decisión adoptada a pasada terza feira polo executivo. Islandia retirou a súa solicitude de adhesión á UE que negociaban coas institucións comunitarias desde 2009.

A decisión foi comunicada através dunha carta e do encontro desenvolvido entre o ministro de asuntos exteriores islandés, Gunnar Bragi Sveinsson, e o letón Edgars Rinkevics, cuxo país ostenta a presidencia temporal da UE. 

As razóns polas que Islandia retira a solicitude, explicou Sveinsson, débense ao interese do goberno --actualmente conservador-- por defender os intereses nacionais. Un feito, dixo, que dificultaría a incorporación do país á Unión Europea. Porén, as negociacións xa arrefriaran en 2013 froito do conflito xerado en dous puntos concretos dos capítulos de negociación: a pesca e a agricultura. 

Aliás, após a crise de 2009 e a decisión de Islandia de deixar quebrar o banco Icesave, xurdiron conflitos con algúns dos estados membros da Unión que reclamaban indemnizacións para os aforradores estranxeiros prexudicados. 

Pesca e agricultura supuñan dous puntos de desencontro entre os intereses nacionais islandeses e os da UE

Neste senso, no mes de febreiro o goberno islandés aprobou unha moción parlamentar a favor da retirada da candidatura que, finalmente, se formalizou esta sexta feira. Así as cousas, o acordo adoptado polo executivo exixe que calquera nova solicitude de adhesión á UE deberá ser consultada en referendo popular. 

Ora ben, o goberno islandés --en ton diplomático-- asegurou que o seu obxectivo é continuar a desenvolver as estreitas relacións que o unen coa UE. Islandia pertence ao Espazo Único Europeo desde o 1993 e está integrada no acordo de Schengen que fixa a libre circulación de persoas entre os distintos territorios que asinaron o devandito convenio. 

Comentarios