ISIS, principal sospeitoso das dúas bombas suicidas en Kabul

Varios medios locais informaban na tarde da quinta feira, logo das dúas explosións mortais nas inmediacións do aeroporto da capital do Afganistán, que a filial de Estado Islámico no país reivindicara o ataque. Os Gobernos, que xa advertiran nas horas previas da ameaza, tamén traballan con esa hipótese. E o tempo para a evacuación esgótase.
isis_kabul1
photo_camera Evacuación de feridos tras unha das explosións, nunha imaxe de televisión da canle afgá Tolo News (Foto: Tolo News)

Estado Islámico Provincia Khorasan (ISIS-K). Ese é o principal sospeitoso da dobre explosión suicida producida na quinta feira, 26 de agosto, nas inmediacións do aeroporto de Kabul, onde nas horas previas  ─segundo os medios locais e axencias internacionais sobre o terreo─ reinou o caos ante a desesperación das numerosas persoas que buscan fuxir do Afganistán talibán.

Un portavoz do movemento islámico confirmou á canle de TV árabe Al Jazeera que serían un total de 13, entres estas crianzas, as persoas falecidas como consecuencia das dúas bombas. O principal hospital de urxencias da cidade informou en Twitter de que os feridos serían polo menos 60.

Un dos atacantes fíxose estourar na porta principal de entrada ao aeroporto de Kabul; o outro, ante o Hotel Baron, próximo ao aeródromo. Segundo informacións de oficiais do Goberno ruso recollidas por Sputnik, tamén se terían producido disparos.

Dúas fontes de oficiais estadounidenses citadas pola CNN aseguraron que se cría con case toda certeza que ISIS-K era responsábel do ataque, aínda que a última hora desta quinta feira (hora galega) sinalaban que seguían a traballar para confirmar esta hipótese.

Condena talibán

O Pentágono emitiu un comunicado confirmando que entre as persoas falecidas hai varios militares estadounidenses. Non especificou o número, mais os medios do país norteamericano cifrábano en catro marines. 

Os talibán condenaron o ataque, salientando que se producira nunha zona controlada polo Exército dos EUA. "Axiña a situación no aeroporto se resolva e as forzas estranxeiras marchen, non volverá haber este tipo de ataques. É pola presenza de tropas estranxeiras que este tipo de ataques suceden", declarou Abdul Qahar Balkhi, dirixente talibán, á TV turca Haberturk.

Varios países pediron á poboación nas horas previas ao ataque que non se achegasen ao aeroporto ante o alto risco. Porén, ducias de miles de persoas seguían  amoreadas nos arredores agardando unha oportunidade. Mesmo tras as explosións. Os expertos militares aseguran que haberá máis. 

A filial afgá de Estado Islámico, que cualifica os talibán de apoucados

ISIS-Khorasan e os talibán levan en guerra entre eles desde hai anos. Tras tomaren o poder no Afganistán o pasado 15 de agosto, estes últimos comprometéronse en varias ocasións cos países veciños e con outros actores internacionais a que farían todo o posíbel por para manter os primeiros baixo control. O escenario da evacuación, porén, é o soñado para a actuación do ISIS-K, que se viu reforzado nos últimos meses pola liberación masiva de presos realizada polos talibán nas localidades que ía conquistando. Grandes concentracións de xente, tropas e avións dos EUA e da OTAN son un obxectivo ideal para os ataques suicidas dos militantes do ISIS-K, moitos deles antigos militantes talibán. ISIS considera que os talibán traizoaron a fe islámica ao negociar en Doha cos EUA. E tamén, que son brandos de máis aplicando a sharia.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios