Irlanda e a hostia 'consagrada' con Covid-19

Polémica no seo da Igrexa pola celebración de Primeiras comuñóns e confirmacións.
EuropaPress_3648814_18_april_2021_united_kingdom_dublin_jogger_passes_by_mural_by_brazilian
photo_camera Un home corre ante un mural en Dublín obra de Gabriel Marques (Foto: Niall Carson / PA Wire)

O verán é tradicionalmente época de Primeiras comuñóns e confirmacións en Irlanda, celebracións católicas que como o resto de actividades sociais están sometidas ás limitacións estabelecidas polo Goberno ─entre as máis restritivas e duradeiras de toda Europa─ para combater a pandemia.

Non foi até a semana pasada que os bares que non serven comidas puideron reabrir as súas portas despois de permanecer fechados desde marzo. En calquera caso, ao igual que noutros Estados da UE, un certificado de vacinación ou proba de negatividade é requirida a todos os clientes.

É a única relaxación aprobada por Dublín neste tempo. Nos seus plans está manter o resto das restricións polo menos até finais de mes. Tamén as relacionadas coas celebracións relixiosas que congregan amplos grupos de persoas, moi a pesar de varios bispos.

O Irish Independent recolle que os cinco das dioceses de Elphin, Clogher, Meath, Raphoe e Waterford e Lismore (das 22 en que se divide a illa) manifestaron a intención de incumprir a normativa e recomendaron os sacerdotes das súas parroquias que volvesen impartir os sacramentos da Primeira comuñón e da confirmación a partir da semana que vén.

"Non vexo ningunha razón pola que a celebración da confirmación ou da comuñón poida ser unha preocupación en termos de saúde pública porque temos misa en todas as nosas igrexas, coidadosamente reguladas para 50 persoas", dixo o bispo Kevin Doran, o primeiro en pronunciarse na pasada sexta feira nunha entrevista na TV pública, RTÉ.

Cariz comercial

A celebración da misa recuperouse en maio e os bautizos estarán permitidos a partir da cuarta feira, 4 de agosto. Porén, tanto as Primeiras comuñóns como as confirmacións son en Irlanda ─como acontece en Galiza─ festas que reúnen familiares e amigos. Iso é precisamente o que preocupa o Goberno. Tanto o primeiro ministro, Micheál Martin, como o ministro de Sanidade, Stephen Donnelly, manifestaron a súa oposición e advertiron do potencial perigo.

Tony Flannery, cofundador da reformista Asociación de Sacerdotes Católicos, criticou neste 3 de agosto na RTÉ a decisión dos cinco bispos. Máis tendo en conta ─defendeu─ que é unha cuestión de agardar cinco ou seis semanas. Neste sentido apuntou que non é un asunto relixioso para os nenos e as familias, senón da festa posterior "e do diñeiro que recibirán", e engadiu que o cariz comercial destas celebracións estaba a "restar valor" as cerimonias relixiosas. 

Comentarios