Irlanda (como sempre) con Palestina

Por unanimidade. Tras a aprobación no Parlamento, Irlanda converteuse no primeiro Estado da UE en condenar o estabelecemento de colonias israelís nos territorios ocupados de Cisxordania e Xerusalén. Non é de estrañar. A súa fonda conexión con palestina mesmo replica o conflito de Oriente Próximo en Irlanda do Norte. 
mural_palestina_belfast(Laurenz Bobke_CC)
photo_camera Un dos varios murais políticos de apoio á causa palestina, presentes nos barrios católicos de Belfast (Foto: Laurenz Bobke / CC)

É un "claro sinal do fondo sentimento en Irlanda" cara á causa palestina, afirmaba o ministro de Exteriores de Irlanda, Simon Coveney, tras a aprobación na Dáil ─a Cámara baixa─ dunha moción condenando a "anexión de facto" dos territorios palestinos por parte de Israel. Aprobación por unanimidade.

É a primeira vez que un Estado da UE usa esta expresión para se referir á terra ocupada no conflito palestino-israelí. Non é trivial a diferenza entre ocupación e anexión: esta última supón que, na práctica, os palestinos están a vivir baixo soberanía israelí mais sen dereitos cidadáns ningúns.

Israel ocupou Cisxordania e Xerusalén Leste tras a guerra de 1967. As autoridades palestinas e ONG en defensa dos seu dereitos denuncian que nese ano comezou o proceso de anexión, a través do estabelecemento de asentamentos de colonos israelís (xudeus case ao cento por cento).

Segundo os últimos datos ofrecidos polo grupo West Bank Jewish Population Stats ("Estatísticas da poboación xudía en Cisxordania"), que traballa con información oficial do Ministerio do Interior israelí, a cifra de colonos a 1 de xaneiro de 2021 é de 463.353, nunha poboación de arredor de tres millóns de palestinos. 

Ademais, calcúlase que na ocupada Xerusalén Leste viven uns 300.000 colonos xudeus. En 2004, o Tribunal Internacional de Xustiza, un dos principais órganos de Nacións Unidas, declarou ilegais os asentamentos en Cisxordania e Xerusalén Leste. 

"Vitoria do extremismo"

A moción aprobada na Dáil na noite da cuarta feira foi presentada polo grupo parlamentario do Sinn Féin e contou co apoio de todos os partidos. O seu relator na Cámara, John Brady, escribía en Twitter que "é un momento histórico, unha vitoria da xustiza e un recoñecemento do dereito á autodeterminación do pobo palestino". Na liña do sinalado polo partido nesta mesma rede social, engadía que agora "cómpre pór o foco nas consecuencias para Israel".

Os aludidos non tardaron en responder. Lior Haiat, portavoz do Ministerio de Exteriores israelí, tamén en Twitter, manifestou que a moción "non ten base" e é "unha vitoria para as faccións extremistas palestinas". Ademais, considerou que "afasta Irlanda da súa ambición de xogar un rol construtivo no conflito".

Esta declaración, oficial, salienta que a moción chega nun momento en que "a cidadanía de Israel está a ser obxecto de ataques terroristas con máis de 4.000 foguetes lanzados desde a Faixa de Gaza pola organización terrorista Hamas".

Civís dos dous lados

Estes ataques e a súa condena non figuraban na proposta inicial do Sinn Féin, mais finalmente aceptou incluír a referencia á violencia "de todas as partes no conflito" e a condena da "morte de civís de ambos os dous lados". A concesión fixo que os partidos do Goberno (Fianna Fáil, Fine Gael e Os Verdes) tamén a apoiasen, informou The Irish Times

Foi rexeitada, non obstante, a emenda presentada polo partido Persoas Antes que Beneficios, que solicitaba a expulsión de Irlanda do embaixador israelí, así como sancións económicas "similares ás aplicadas ao apartheid de Suráfrica". Argumentaron a "limpeza étnica, a represión brutal do estado e a violencia militar asasina, incluídos catro asaltos militares salvaxes a Gaza en anos recentes", que "non teñen cabida na comunidade internacional de nacións".

Pola súa banda, o embaixador palestino para Irlanda, Jilan Wahba Abdalmajid, recibiu con satisfacción a iniciativa, que supón "un grande apoio", segundo recolleu a TV árabe Al Jazeera. Ademais gabou e eloxiou a Irlanda.

Guerra de bandeiras

Abofé que a conexión de Irlanda coa causa palestina fai do pobo irlandés un dos seus principais aliados fóra do mundo islámico. Conscientes do que supón unha ocupación, como a que até a independencia ─parcial, sen os Seis Condados convertidos na provincia británica do Ulster─ do Reino Unido en 1921, sempre apoiaron os movementos anticoloniais.

Curiosamente, nas décadas de 1920 e 1930, empatizando como pobo emigrante cos xudeus, o nacionalismo irlandés apoiou grupos armados como Etzel que loitaban contra o Mandato británico de Palestina e polo Estado de Israel. Porén, tras o sionismo aceptar a división do país, os paralelismos co sucedido en 1921 en Irlanda fixérono mudar de postura. 

Non foi até 1963, debido á preocupación expresada polo Vaticano acerca dos lugares santos para o catolicismo ─relixión que marca a política irlandesa desde hai séculos─ que Dublín recoñeceu o Estado de Israel. E non foi até 1993 que permitiu abrir unha embaixada israelí en Irlanda.

En 1980, Irlanda volveu ser pioneira na UE, sendo o primeiro en pedir o estabelecemento dun Estado palestino. Nesa década, co conflito en Irlanda do Norte na súa máxima intensidade, apareceu o primeiro mural en Belfast de solidariedade cunha causa internacional: "IRA-OLP unha loita". Anos antes xa comezara a relación entre estes dous grupos armadas. Milicianos republicanos recibiron adestramento en campos da organización de Iasir Arafat.

Actualmente, seguindo a máxima de que "o inimigo do meu inimigo é o meu amigo", ao igual que abundan as bandeiras palestinas nos barrios católicos de Belfast ou Derry, tamén é habitual ver nas zonas protestantes, especialmente desde a Segunda Intifada (2000), as de Israel.

Un Israel que o primeiro Gobernador británico de Xerusalén, Ronald Storrs (1920-26), chamaba "pequeno e leal Ulster xudeu". 

"Posíbeis crimes de guerra", di Bachelet

"De se constatar que o impacto nos obxectivos civís foi indiscriminado e desproporcionado, este ataque podería constituír un crime de guerra", manifestou onte a Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, a respecto do bombardeo israelí de Gaza. "Non vimos probas" de que os edificios atacados albergasen grupos armados, tal e como argumenta Israel, afirmou durante unha sesión especial do Consello de Dereitos Humanos da ONU. 

Tamén indicou que os morteiros de Hamas "son indiscriminados e non distinguen entre obxectivos militares e civís, polo que o seu uso é unha clara violación do dereito internacional humanitario". "Cada un deses foguetes constitúe un crime de guerra", sostivo.

E sinalou: "Non hai dúbida de que Israel ten o dereito a defender os seus cidadáns e residentes. "Mais os palestinos tamén teñen dereitos. Os mesmos dereitos". 

Comentarios