Catalunya

Investidura fallida de Pere Aragonès en Catalunya

ERC non consegue sacar adiante a investidura de Pere Aragonès na primeira votación e está obrigada a seguir falando con JxCat
Pere Aragonès despois da súa primeira intervención. (Foto: D. Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Pere Aragonès despois da súa primeira intervención. (Foto: D. Zorrakino / Europa Press)

Non houbo sorpresas no Pleno do Parlament de Catalunya adicado a investidura dun novo president da Generalitat: Pere Aragonès terá que agardar á segunda votación e continuar a negociar con JxCat.

Apoiaron a súa investidura ERC (33) e CUP (9), abstívose JxCat (32), e votaron en contra PSC (33), Vox (11), En Comú Podem (8), Cs (6) e PP (3).

A sesión de mañá do Pleno foi un debate a dous entre Pere Aragonès e Salvador Illa, voceiro do PSC no Parlament de Catalunya.

O candidato de ERC remarcou os tres obxectivos do Goberno catalán nesta lexislatura: “afrontar as urxencias e desigualdades sociais, empeoradas pola Covid-19, impulsar a reconstrución económica e resolver o conflito político co Estado”.

Na súa réplica, Illa solicitou “seriedade, tenacidade, calma, prudencia, lealdade e altura de miras” e criticou o acordo de ERC cos "antisistema" da CUP; asemade comprometeuse a axudar a reactivar a mesa de diálogo co Estado e propuxo unha mesa só de partidos cataláns.

JxCat e CUP

Xa a tarde, unha vez retomada a sesión chegou a quenda de JxCat, o deputado Albert Batet asumiu que a pesar do escepticismo da súa formación coa mesa de diálogo van estar alí porque “todas as partes teñen que ceder e facer concesións” e recoñeceu que “non podemos cometer os erros do pasado”.

Batet pediu a ERC que non convoque o pleno para a segunda votación até que haxa un acordo entre as forzas.

Pola súa banda, Aragonès chamou a superar as desconfianzas mutuas, “cheguemos a un acordo e fagámolo público conxuntamente, se hai vontade, aínda estamos a tempo”, e defendeu que o resultado electoral obriga a “avanzar con toda firmeza cara a República catalana”.

A voceira da CUP no Parlament, Dolors Sabater, lembrou que "estar no lado bo da historia hoxe é estar en contra do sistema" e atacou ao Goberno do Estado por continuar no camiño das privatización e da reducción de dereitos democráticos.

Comentarios