Interior propón que as electoras emigradas teñan que confirmar que queren votar

O Congreso español aborda a reforma do voto emigrante mentres Interior suxire que se manteña a obriga de declarar que se quere participar para poder exercer ese dereito no exterior.
Cidadáns exercendo o dereito ao voto nos comicios galegos decorridos en xullo de 2020. Foto Europa Press
photo_camera Cidadáns exercendo o dereito ao voto nos comicios galegos decorridos en xullo de 2020. (Foto: Europa Press)

O debate arredor da derrogación do voto rogado da emigración procedente do Estado español, un condicionante introducido en 2011 polo Partido Popular e o PSOE co apoio do Partido Nacionalista Vasco e da desaparecida Convergència i Unió, levou o Ministerio de Interior a propor que se manteña algún mecanismo que permita confirmar a vontade das e dos electores de participar no proceso.

Aínda que este sistema diminuíu a participación nos comicios nunha circunscrición cuxa participación xa era minoritaria -a máis alta foi do 31,89% nas eleccións estatais de 2008-, por unha banda, a medida permitiu contrarrestar as fraudes electorais na emigración, e pola outra, deuse a circunstancia de que en territorios cunha emigración máis recente o nivel de participación subiu.

Hai que ter en conta que unha de cada catro persoas que votan nesta circunscrición son galegas.

Este domingo fíxose pública unha comparecencia a porta fechada no Congreso, onde se retomaron os traballos orientados a eliminar este requisito, na que a directora xeral de Política Interior do Ministerio, Carmen López García, propuxo ademais simplificar a documentación para que poidan participar nos procesos electorais.

Simplificar o proceso

Este punto, xustificou, podería acabar co que considerou disfuncións no sistema de voto exterior, como a complexidade do procedemento, os prazos reducidos ou a falta de información que se dá ás persoas electoras, así como a dificultade de que o proceso resulte gratuíto. Ou se abordan na reforma estes elementos de maneira integral ou non pasarán de ser modificacións “parciais”, incidiu.

No que atinxe á solicitude do voto, López pide que se produza “nalgún momento e por unha soa vez” con vixencia “indefinida”, do mesmo xeito que se fai coas persoas con cidadanía da Unión Europea cando queren votar no Estado nunhas eleccións locais ou europeas.

Unha vez efectuado este proceso e chegados os comicios, explica que a obriga de agardar a proclamación das candidaturas para enviar a documentación dificulta cumprir os prazos, polo que indica que habería que atrasar o escrutinio ou acelerar o envío da documentación.

Alertando de que a primeira opción adía a proclamación definitiva de resultados e o proceso de escrutinio en xeral, aposta por traballar no segundo punto.

Papeleta única ou en branco

Nesa liña, sacou á palestra varias opcións, como que os consulados dispoñan de papeletas e sobres para as persoas que non recibiran a documentación precisa, mais destacou que medidas de simplificación máis “ambiciosas” poderían ser unha papeleta única con todas as candidaturas ou unha papeleta en branco que teñan que escribir as persoas electoras co sentido do seu voto.

En última instancia, comentou a posibilidade de usar as tecnoloxías para fomentar o acceso ás papeletas por medios dixitais, para que sexan impresas polo votante.

Comentarios