Interior freta tres cruceiros para aloxar os antidisturbios mobilizados para o 1-O

ferry cruceiro

O Ministerio do Interior aloxará en barcos cruceiros aos centos de antidisturbios que mobilizará a causa do referendo de autodeterminación de Catalunya, segundo informan diferentes medios, como Diario Vasco ou El Confidencial. As contratacións para ubicar os axentes das Unidades de Intervención da policía (UIP) xa comezaron, nunha decisión motivada polos altos prezos dos hostais, así como polo rexeitamento veciñal en Catalunya a este despregamento.

Segundo o despregamento previsto pola Policía, a vindeira sexta feira haberá en Catalunya 1.250 efectivos antidisturbios. Os plans son aloxalos en varios cruceiros, catro axentes por cada camarote. Pensión completa e sen dereito a dietas, segundo informan estes medios.

A primeira opción de Interior é o 'Rhapsody', da navieira italiana Grandi Navi Veloci. O ferry, con capacidade para 2.500 pasaxeiros, arribou xa ao peirao de Lepanto de Barcelona. Tamén se está en negociacións coa firma Balearia.

A intención do departamento que dirixe Juan Ignacio Zoido é contar o 1-0 cun despregamento de forzas de seguridade do Estado (entre Policía e Garda Civil) superior aos 16.000 funcionarios dos Mossos d’Esquadra.

Desde o sindicato CNT no Porto de Barcelona xa advertiron nas redes sociais que os barcos para aloxar antidisturbios "non son benvidos"

Comentarios