venres 26/02/21

A intelixencia de Alemaña coloca baixo vixilancia o partido ultra AfD

"Traxicamente, tras décadas nas sombras, os neonazis e as súas ideas están a gañar aceptación"
EuropaPress_2609837_24_january_2020_poland_oswiecim_arbeit_macht_frei_lit_work_sets_you_free_is
"O traballo faravos libres", na porta de entrada ao campo de Auschwitz, liberado hai hoxe 76 anos (Kay Nietfeld / dpa)

En Europa, nos EUA e noutros lugares, os supremacistas brancos estanse a organizar e recutando a través das fronteiras, facendo ostentación dos símbolos e dos motivos dos nazis e das súas arelas homicidas", declarou o secretario xeral da ONU, António Guterres, nun acto virtual con motivo do aniversario, hoxe, da liberación de Auschwitz.

"Traxicamente, tras décadas nas sombras, os neonazis e as súas ideas están a gañar aceptación", engadiu, remarcando que as autoridades están a alertar do rexurdimento nazi, mesmo dentro das forzas de seguridade do Estado, ao tempo que as súas ideas están a chegar ao debate nos partidos tradicionais.

Hai 76 anos o Exército Vermello ─o exército da URSS─ liberaba as 7.000 persoas que os nazis deixaron atrás na súa fuxida de Auschwitz, un complexo de 40 campos de exterminio operados por Alemaña na Polonia ocupada durante a II Guerra Mundial onde foron asasinadas arredor dun millón de persoas.

Cada 27 de xaneiro conmemórase o Día Internacional en Lembranza do Holocausto, que a Eurocámara tamén marcará hoxe cunha cerimonia virtual. 

A liberación de Auschwitz culminaba un proceso de case tres décadas, iniciado coa derrota de Alemaña na I Guerra Mundial e a abdicación do kaiser Guillerme II en 1918 que levou a sociedade do país a unha progresiva polarización; seguido polo golpe de Estado de 1923 ─o "Putsch de Múnic"─ levado a cabo polo partido nazi; e, finalmente, selado coa a chegada deste ao poder en 1933.

Un século despois a historia ameaza con se repetir, alerta Guterres, que pediu forxar unha alianza internacional para frear a expansión do neonazismo e do supremacismo branco. Neste sentido, pediu "loitar contra a propaganda e a desinformación", especialmente nestes tempos de pandemia e de medios tradicionais desbancados polo crecemento das redes sociais, que ─dixo─ están a contribuír á ausencia de feitos contrastados.

O continuo ascenso destas ideoloxías "debe ser visto no contexto dun ataque global á verdade que reduciu o papel da ciencia e da análise baseada en feitos na vida pública", sinalou. No acto tamén participou o rabino de 90 anos Arthur Schneier, un supervivente do holocausto, que advertiu que "de non transmitirmos as tráxicas leccións da historia, estamos condenados a que se repitan". E engadiu ao respecto: "Os nenos non nacen con odio; apréndeselles a odiar".

Armas e neonazis

O aniversario chega co partido ultradereitista Alternativa para Alemaña (AfD) no punto de mira. Os servizos secretos xermanos puxeron baixo vixilancia a delegación rexional de Saxonia-Anhalt (no leste) e agárdase que nas próximas horas, segundo os medios do país, toda a formación ─que emprendeu medidas legais ─ sexa colocada oficialmente baixo observación policial pola súa vinculación co extremismo de ultradereita.

Ademais, nas últimas semanas producíronse tres incautacións de armas en Europa a grupos vinculados co neonazismo. O 13 de xaneiro levouse a cabo a maior operación deste tipo en Francia, coa detención en París de varias persoas entre as que había militares retirados e en servizo. 

A mediados de decembro confiscouse un arsenal en Austria que tiña como destino "abastecer unha rede de extrema dereita" en Alemaña, segundo o ministro do Interior austríaco, Karl Nehammer. E o 29 dese mes foi desmantelada en España unha rede de tráfico de armas con vínculos con grupos de neonazis alemáns. 

comentarios