O PARTIDO DE ALEXIS TSIPRAS OBTERíA ENTRE O 30 E O 34% DOS VOTOS

Os inquéritos a pé de urna dan unha lixeira vantaxe a Syriza sobre Nova Democracia

O gañador das eleccións ten un "bonus" de 50 deputados, independentemente da diferenza coa segunda forza máis votada

Tsipras
photo_camera Tsipras

A maioría dos inquéritos realizados a pé de urna outórganlle unha lixeira vantaxe á Syriza do exprimeiro ministro Alexis Tsipras nas eleccións lexislativas celebradas hoxe. Cos colexios electorais xa pechados e co reconto en marcha, as enquisas apuntan a unha vitoria da Coalición da Esqueda Radical, aínda que cunha diferenza menor que a que logrou nos comicios de xaneiro, cando ficou ás portas da maioría absoluta. 

Segundo os estudos, Syriza obtería arredor do 30% dos votos emitidos, aínda que algúns elevan ese apoio popular ao 34%. Moi perto situaríase o partido conservador Nova Democracia, que aglutinaría entre o 28,5 e o 32,5 dos sufraxios. Hai que lembrar que a lexislación grega contempla un "bonus" de 50 deputados no Parlamento heleno para o gañador, independentemente da diferenza real. 

Tralos dous partidos maioritarios, os neofascistas de Amencer Dourado podería acadar até o 7% dos sufraxios, máis ca nas eleccións de xaneiro pasado. Sobe tamén o Partido Comunista, que mesmo podería converterse na terceira forza do Parlamento heleno. Os disidentes de Tsipras que marcharon trala aceptación das condicións impostas pola Troika, entre eles a Unidade Popular á que apoia o exministro de Finanzas Varoufakis, ficarían moi lonxe, con porcentaxes de voto irrelevantes (3%), mesmo para a conformación dun novo goberno. 

Comentarios