Un inquérito outorga a Vox entre 5 e 7 escanos no Congreso

Unha enquisa elaborada por Metroscopia para o grupo de El Heraldo de Aragón abre a billa para unha hipotética maioría absoluta do espazo da dereita convencional (PP e Cs) e a extrema dereita (Vox). Os ultras chegarían con forza ao Congreso, con entre 5 e 7 escanos.

vox en madrid
photo_camera Mitin de Vox en VIstalegre

O problema para o crédito da enquisa é a enorme volatilidade das marxes de atribución de escanos que adxudica a cada formación política.

Destarte, o PSOE aparecería con entre 90 e 100 escanos, o PP entre 92 e 102, Cs entre 72 e 77 e Podemos entre 58 e 66. Vox obtería entre 5 e 7.

Con eses números, calquera cousa podería acontecer: desde unha maioría de centro esquerda (PSOE máis Podemos apoiados polas formacións soberanistas) até unha maioría absoluta da dereita convencional (na banda alta dos seus prognósticos poderíana formar PP e Cs) ou unha hexemonía na cámara sen precedentes resultante de sumar os escanos de PP, Cs (na marxe mínima dos seus resultados) e Vox.

Canto á estimación de voto, o PSOE apañaría 25,2 dos sufraxios, o PP 22,6, Cs 19,2 e Unidos Podemos 17,7. Vox conseguiría 5,1 por cento, a maior percentaxe obtida nunca por unha forza ultra-dereitista española no réxime de 1978 [o único precedente é o de Fuerza Nueva, que alcanzou un escano en 1979 co 2,11 por cento de voto após se apresentar aos comicios baixo a marca de Unión Nacional].

Comentarios