A inmersión en galés, en perigo na Educación Infantil

Educadores, asociacións en defensa da lingua e o Plaid Cymru piden ao Goberno de Gales que non inclúa o inglés como elemento obrigatorio do novo Currículo escolar na educación até os sete anos. Consideran que suporía unha nova eiva para a expansión do galés e chegar ao obxectivo dun millón de falantes para 2050. 
¡
photo_camera Na actualidade, o inglés vaise introducindo progresivamente nas escolas en galés a partir dos sete anos."Quero vivir en Galés", lese no cartaz (cymdeithas.cymru)

O Goberno de Gales presentou esta semana no Senadd o proxecto do novo currículo escolar. No seu apartado lingüístico, a norma fai do inglés un elemento obrigatorio en todas as escolas e en todos os marcos de aprendizaxe. Serano por defecto, inglés e galés, tamén na Educación Infantil ─até os sete anos─, aínda que unha cláusula reserva a posibilidade de que nesta etapa os centros, individualmente, opten por manter o galés como lingua vehicular. Na actualidade, o inglés vaise introducindo progresivamente nas escolas en galés a partir dos sete anos.

Para asociacións en defensa da lingua galesa como Cymdeithas yr Iaith, "isto terá un efecto desastroso na educación nas escolas en galés [Addysg Gyfrwng Cymraeg, en galés; Welsh-medium education, en inglés], e incrusta a idea de que o inglés é a 'norma'", segundo sinalou a responsábel de educación da asociación, Mabli Siriol.

Siriol argumenta que a proposta "demostra unha falla de comprensión dos métodos de inmersión, que tan vitais son para a educación en galés, e pon en perigo o seu uso en todo o país". "Como resultado ─di─ bloqueará calquera planificación estratéxica elaborada polas autoridades locais e polo Goberno co fin de facer medrar as escolas en galés", engadiu.

Este impacto negativo que terá no marco educativo será un peso máis na "xa actual dificultade para facer do galés a lingua para a aprendizaxe e a comunicación", é dicir, a lingua vehicular nas escolas. Ademais, desde a Cymdeithas yr Iaith consideran que a cláusula que permite facer excepcións individuais "non abonda" e vai en contra dos obxectivos do Goberno de lograr que o alumnado atinxa competencias por igual nas dúas linguas durante todo o proceso educativo. Tamén no de chegar a un millón de falantes para 2050. 

Nas xuntanzas previas á elaboración do novo currículo escolar, a Cymdeithas yr Iaith reuniuse coa ministra de Relacións Internacionais e Lingua galesa, Eluned Morgan, que xustificou a medida sinalando que "se o inglés non fose obrigatorio no currículo, mais si o galés, 80% da poboación que non fala galés montaría un inmenso rebumbio".

Todos os ministros do Goberno de Gales, que preside Mark Drakeford, son do Partido Laborista, agás a ministra de Educación, Kirsty Williams, que é dos Liberal Demócratas.

Desde o sindicato educativo UCAC (Undeb Cenedlaethol Athrawon Cymru, "Sindicato Nacional do Profesorado de Gales"), que representa a maior parte do profesorado en lingua galesa, mostraron a súa "seria preocupación". Para a vicesecretaria xeral, Rebecca Williams, a inmersión lingüística en Gales "onte temos unha lingua minoritaria vivindo a carón dunha das linguas máis poderosas do mundo, probou ser o modelo máis efectivo".

Tamén o partido nacionalista Plaid Cymru expresou en varias ocasións a súa posición contraria á introdución do inglés como elemento obrigatorio no currículo. Sian Gwenlliansaid, deputada no Senedd responsábel das áreas de Educación, Cultura e Lingua, focalizouse na cláusula que permite aos centros e non ás autoridades locais decidir sobre a política lingüística nas escolas, algo que "mina por completo" as actuacións en moitas comarcas e que supón "un duro golpe" ao desenvolvemento da educación en galés en todo o país. 

Estas políticas levaron a cifras récord nos últimos tempos, con áreas de Gales onde máis de 80% dos meniños de menos de 7 anos son capaces de comunicarse tanto en inglés como en galés.

Coidar o galés, non o inglés

Neste sentido, máis de 400 membros da comunidade educativa asinaron unha carta enviada esta semana á ministra de Educación, pedíndolle que elimine a obrigatoriedade do inglés da nova lexislación. 

"Miles de persoas falan galés hoxe en día grazas ao éxito das Addysg Gyfrwng Cymraeg. Sabemos polo noso traballo sobre o terreo que é o que funciona para desenvolver as habilidades lingüísticas das nenas e dos nenos de todos os contextos, e como crear máis falantes de galés para axudar a atinxir un millón", afirman, e urxen a "escoitar os expertos".

Ademais, na misiva deféndese que "na práctica, non hai necesidade da obrigatoriedade por lei para asegurar que o alumnado poida ser competente en inglés". "No contexto lingüístico actual, as nenas e os nenos de Gales aprenderán o inglés xa que é unha poderosa e ubicua lingua nas vidas de todo o mundo no país", sinálase.

E engádese: "Partillamos o seu obxectivo [o do Goberno] de asegurar que todas as nenas e nenos de Gales sexan competentes en galés e inglés. Non obstante, é evidente que é o galés, e especificamente a educación nas escolas en galés, que necesita apoio lexislativo, non o inglés".

Comentarios