Eleccións na Arxentina

Inicia o xuízo a Cristina Fernández nunha Arxentina en tensa carreira electoral

Arrincou nos tribunais federais da Arxentina o xuízo contra a ex presidenta Cristina Fernández de Kirchner, líder da oposición e candidata á vicepresidencia do país nas eleccións que se celebrarán neste ano.

Cristina Fernández de Kirchner
photo_camera Cristina Fernández de Kirchner

Un dos xuízos máis polémicos na Arxentina vén de arrincar nos tribunais federais cunha acusación por corrupción contra a ex presidenta Cristina Fernández de Kirchner. Mentres unha parte da poboación e os poderes fácticos congratúlanse de que a ex mandataria sente nos xulgados, outros sectores denuncian unha persecución política en complicidade co poder xudicial, nunha vaga represiva cara a líderes non aliñados cos EEUU na América Latina e que xa se viu en casos como o do Brasil.

O proceso xudicial coincide co ano electoral e co anuncio de Cristina Fernández de apresentarse aos comicios

Fernández está acusada de liderar unha asociación ilícita de funcionariado público co obxectivo de adxudicar obras públicas viais a supostas empresas amigas. Un total de 13 persoas imputadas e 160 testemuñas están citadas na causa.

Eleccións na Arxentina

O proceso xudicial coincide co ano electoral e co anuncio de Cristina Fernández de apresentarse aos comicios para vicepresidenta do Estado.

O pasado 18 de maio e de maneira inesperada para a opinión pública, a actual senadora Cristina Fernández anunciou nun vídeo a través das súas redes sociais a súa candidatura ás eleccións á vicepresidencia do país nunha lista ampla peronista e progresista que aspira a gañar e que encabezará Alberto Fernández, antigo xefe do seu gabinete e crítico coa ex mandataria.

O proceso xudicial decorrerá parello á campaña electoral nunha Arxentina sumida nunha grande crise económica.

Comentarios