Informes da intelixencia alemá exculpan a Assad do ataque químico do 21 de Agosto

Al Assad, ou sexa, o goberno sirio, non sería responsábel do ataque químico do 21 de Agosto. Isto é no mínimo o que se tira da información publicada polo xornal alemán Bild am Sonntag. A fonte son informes da intelixencia alemá. Alemaña non aderiu a declaración pro-bélica promovida polos EUA na recente cimeira do G20.

Siria
photo_camera Forzas do Exército sirio

Segundo as fontes da intelixencia alemá consultadas por Bild am Sonntag, o presidente Bashar al-Assad non tería ordenado persoalmente os ataques do 21 de Agosto, producidos en Ghouta, un arrabaldo de Damasco, en que segundo fontes independentes terían morto perto de 400 persoas [Washington eleva a cifra a 1.500].

Bild am Sonntag non identifica as súas fontes, mais atribúe a información a instancias do máis alto nível da seguranza nacional alemá.

Washington admite que non ten probas "irrefutábeis" contra Assad

Un barco de vixiancia dos servizos de intelixencia alemá, desprazado á zona, foi quen captou distintas chamadas telefónicas do contido dos cais se tira a conclusión de que Assad non autorizou nen este nen outros alegados ataques químicos.

En troca, os servizos de intelixencia alemás si que pensan que os ataques puideron ser producidos por elementos descontrolados próximos ao goberno sirio, exonerando de responsabilidade ás chamadas forzas rebeldes.

Sen evidencias irrefutábeis

Mentres, Washington admitiu este domingo que non ten evidencias "irrefutábeis" que apunten á responsabilidade de Assad.

Todo o que tería sería "un exame [dos factos] baseado no sentido común" que si suxeriria a Damasco como autor dos ataques do 21 de agosto.

"Vimos as probas en vídeo das imaxes deses ataques", díxolle a CNN o chefe do staff da Casa Branca, Dennis Mc Donough.

"Se submetemos todo ao test do sentido común, a conclusión é que foi o réxime quen levou a termo isto. Temos unha imaxe ou evidencias que deixen atrás unha dúbida razoábel? Ben, isto non é un tribunal de xustiza e a intelixencia [os servizos de intelixencia] non funciona desta maneira", engadiu.

Comentarios