Un informe preliminar da UE confirma a espionaxe do Estado español a 65 independentistas cataláns

O Estado español foi acusado de opacidade tras negarse a colaborar cunha investigación do Parlamento Europeo sobre o uso de tecnoloxías de vixilancia, e dá credibilidade ao informe forense que determinou que 65 políticos e activistas independentistas cataláns foron espiados.

Sophie in't Veld, deputada dos Países Baixos no Parlamento da Unión Europea, presentou a terza feira o informe da Comisión de Investigación. (Foto: Parlamento Europeo)
photo_camera Sophie in't Veld, deputada dos Países Baixos no Parlamento da Unión Europea, presentou a terza feira o informe da Comisión de Investigación. (Foto: Parlamento Europeo)

O Estado español espiou 65 independentistas cataláns, a maioría deles por medio do software espía Pegasus, da empresa NSO Group, tras converterse, con moita seguridade, no primeiro cliente da compañía na Unión Europea (UE), conclúe o informe preliminar sobre o uso de tecnoloxías de vixilancia da Comisión de Investigación do Parlamento da UE, presentado esta terza feira en Bruxelas (Bélxica) pola deputada dos Países Baixos Sophie in't Veld (Demócratas 66).

Este documento será votado na Comisión a finais de novembro ou comezos de decembro tras o período de presentación de emendas, e está previsto que chegue ao Pleno do lexislativo en marzo de 2023. 

Espionaxe sen xustificación

In’t Veld afirmou que o Estado español “está nunha situación delicada, temos pouca información oficial pero fortes indicios de que políticos e outras persoas foron espiadas sen evidencias de que foran unha ameaza inminente á seguridade nacional”, precisamente no caso catalá, o texto incide en que o patrón das escoitas segue momentos chave no movemento independentista.

O informe critica a falta de transparencia do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) español, dependente do Ministerio de Defensa, e cuestiona a “pouca información” ofrecida polo Executivo estatal para desvelar o acontecido con estas escoitas, que afectaron a dirixentes de Esquerra Republicana de Catalunya, incluído o presidente da Generalitat, Pere Aragonès, Junts ou a Candidatura d’Unitat Popular, así como eurodeputados, empresarios, activistas culturais e até familiares deles.

Ao tempo, sinala que existen múltiples deficiencias na lexislación que permite as autorizacións xudiciais que avalan o uso desta clase de tecnoloxía, cunhas garantías legais que “corren o risco de quedar obsoletas e non brindar aos cidadáns unha protección suficiente”, e lembrando que a Lei de secretos oficiais en vigor foi sancionada en 1968, durante a ditadura franquista.

Amais, cuestiona a lentitude na resolución do acontecido coas e cos independentistas cataláns, dos que Madrid só recoñeceu a súa responsabilidade nas escoitas de 18 das 65 persoas afectadas, comparado coa velocidade coa que foi feita pública a espionaxe contra o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e os titulares de Interior, Fernando Grande-Marlaska, e Defensa, Margarita Robles, salientando que esta información non foi confirmada por un informe forense como no caso dos soberanistas, feito polo Citizen Lab da Universidade de Toronto (O Canadá).

"Democracia inmatura"

A eurodeputada fixo fincapé en que a UE se comporta como unha “democracia inmatura” por non atender a ameaza á democracia que supón o uso que fan os Estados destas tecnoloxías sen rendición de contas, subliñando que “os Gobernos deben ser controlados polos cidadáns e non o revés”.

Pouco despois de transcender o contido do informe preliminar, Aragonès reclamou “chegar até o fondo” das investigacións, apuntando que “nunha democracia non se espía ao adversario político”, e facendo un chamamento a que se coñeza a verdade por “xustiza e dignidade”.

Villarejo sinala cara ao PP por usar o CNI para os seus intereses

O comisario xubilado da Policía española, José Manuel Villarejo, que se enfronta desde esta terza feira a un xuízo por presuntamente gravar e difundir unha reunión do CNI sobre Francisco Nicolás Gómez, alcumado ‘pequeno Nicolás’, defendeu que se trata dun “cúmulo de erros e ilegalidades que se cometeron na instrución” do litixio, e acusou a Soraya Sáenz de Santamaría, vicepresidenta entre 2011 e 2018 no Goberno de Mariano Raxoi e o Partido Popular, de usar o departamento de Intelixencia “como se fora unha axencia de detectives privados só por mor de que unha persoa nova está a falar dela”.

Ademais, indicou que busca demostrar que a entidade foi utilizada para a “vinganza persoal” dun “individuo que afortunadamente xa non está”, en referencia ao ex director do CNI Félix Sanz Roldán.

Comentarios