mércores 14/04/21

As infantas Elena e Cristina aproveitan unha visita ao rei emérito nos Emiratos para vacinarse

Tamén o fixo nunha visita a Juan Carlos I o exdirector do CNI.
elena cristina bornón foto europa press
(Foto: Europa Press)

As infantas Elena e Cristina vacináronse contra o coronavirus nos Emiratos Árabes aproveitando unha visita ao seu pai Juan Carlos I. E non foron as únicas. Segundo puido saber El Confidencial, tamén o exdirector do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), Félix Sanz Roldán, recibiu dúas doses da vacina contra a Covid-19 durante visita ao rei emérito, que tamén estaría vacinado contra o coronavirus.

Coa viaxe aos Emiratos puideron 'saltar' o plan de vacinación no Estado español, xa que de momento só se está vacinando ás persoas de máis de 80 anos, grandes dependentes e traballadores esenciais como médicos, profesores ou membros das Forzas Armadas e equipos de emerxencias.

Segundo El Confidencial, a infanta Elena voou en varias ocasións a Abu Dhabi para se reunir co seu pai. A primeira fin de semana de febreiro, Elena voou coa súa irmá Cristina aos Emiratos Árabes e non volveron até unha semana despois, xa vacinadas. Pola súa banda, a vacinación do exdirector do CNI sería moito antes. Concretamente, en torno ao 5 de xaneiro, cando Sanz Roldán viaxou a Abu Dhabi para visitar Juan Carlos I con motivo do seu aniversario.

Ante estas informacións, a Casa Real rexeitou responder as preguntas de El Confindencial, lembrando que as infantas non forman parte da Familia Real desde o 2014. 

comentarios