Joe Brew: “É inevitábel que o Estado español chegue a un confinamento total”

A epidemioloxía xustifica a corentena individual e a colectiva, polo que protexer a poboación de territorios con poucos casos e blindar grandes focos de contaxio é útil na loita contra o coronavirus, sinala o experto Joe Brew, que conversa con Nós Diario sobre os datos que deixa a COVID-19 para prognosticar os seus efectos.
O analista de datos Joe Brew (Imaxe: VilaWeb)
photo_camera O analista de datos Joe Brew (Imaxe: VilaWeb)

"Facer do mundo un lugar mellor a través dos datos, axudando a explorar, comprender e usar mellor a información", son os principios sobre os que xira DataBrew, a entidade impulsada por Joe Brew, reputado experto en análise de datos científicos, económicos e epidemiolóxicos. Este analista estadounidense afincando en Catalunya é investigador de datos sobre malaria, tuberculose e outras enfermidades. Brew repara na oportunidade que podería supor empregar a tecnoloxía e o volume de datos que, por exemplo, xeran os nosos móbiles sobre situación ou comportamentos para loitar contra o virus. "As empresas saben usar moi ben esta información para vender cousas, pero as Administracións van por detrás", lamenta Brew. 

-Italia aprobou o domingo un confinamento total ao sumar case 5.000 mortes. Por que o Goberno español non o dita xa?

Os modelos realizados por epidemiólogos e analistas de datos, creados en base á traxectoria actual do coronavirus, anuncian que haberá centos de miles de mortes, polo que é inevitábel chegarmos no Estado español a un confinamento total da poboación.

A cuestión é, que se o imos acabar facendo, por que retrasalo? Tal vez o Goberno fixo cálculos traducindo o custo económico en vidas, estudando que unha posíbel baixada do PIB poida producir un determinado número de mortes... Pero ese modelo eu non o vin. Eu o modelo que si vin é o que realizan os epidemiólogos, e os seus datos son devastadores. 

Por isto mesmo insto a calquera Goberno do mundo a facer públicos os modelos en que se están a basear na loita contra o coronavirus, a dar a coñecer a autoría dos mesmos, a explicalos ben e a permitir que a comunidade científica poida acceder a eles para melloralos. 

O Goberno di que non é necesario o confinamento total, que as mortes son inevitábeis e que estamos facendo todo ben. Eu, porén, defendo que ante a epidemia hai que utilizar todas as armas, e unhas das máis importantes é o confinamento total. 

-É partidario de pechar os principais focos como Madrid e Catalunya e blindar outros onde o efecto é menor como Galiza para evitar a propagación?

Os principios científico-epidemiolóxicos que xustifican a corentena individual tamén a validan a nivel colectivo, porque reducir o contacto entre grupos baixa a taxa de contaxio. Non é unha opinión política, é aplicar epidemioloxía básica. 

A epidemia ten unha compoñente temporal e outra xeográfica, e as fronteiras son útiles para loitar contra ela. Nin sequera hai que entrar no debate soberanista para entendelo. Ninguén en Catalunya quere separarse politicamente de Igualada, pero a decisión de pechar este concello salvou vidas. Por moito que soe ben dicir que ao virus “gañámolo unidos", a verdade é que gañamos separándonos. 

-Haberá colapso esta semana?

Aínda que hoxe mesmo se decretase o confinamento total, estes días colapsarase porque os efectos do virus vense cun retraso de semanas. 

Todos os Gobernos do mundo están cometendo o mesmo erro. Todos reaccionan tarde e toman medidas duras só cando a cousa se pon moi fea, en lugar de aprender de Italia. Non vale esperar. 

-Canto durará o confinamento?

Hai unha mala xestión das expectativas. As autoridades deben ser honestas coa poboación e, por exemplo, dicir se haberá escola este curso ou non para as crianzas, porque a xente debe organizar a súa vida estea ou non confinada. Antonte anunciáronse 15 días máis de illamento, pero pode que dure meses, e o Goberno debe coidar a comunicación e a transparencia para que a cidadanía poida levar mellor esta situación. 

Quero recalcar que eu non dubido da boa intención dos Gobernos e da súa boa vontade, pero ao mesmo tempo, non nos podemos autocensurar, a crítica científica é unha maneira de mellorar o seu traballo. 

-Que pode pasar en África e zonas do mundo empobrecidas?

Unha vantaxe de África está na súa pirámide poboacional. Parece que a taxa de letalidade entre mocidade é baixa. Porén, preocupa moito a súa precariedade de medios sanitarios.

-Coñeces ben os Estados Unidos. Como vai afectar alí o virus?

Aínda están nos primeiros días do contaxio, polo que é difícil de prever, pero temo que sexa un desastre, xa que se carece de cobertura sanitaria universal, a rede de provedores é unha absurda mestura entre universidades e médicos privados, e, ademais, Donald Trump é un líder incompetente que non inspira confianza nin nos seus aliados. Vai ser un desastre. 

-Haberá un cambio de orde cando após a crise sanitaria?

Haberá un antes e un despois no xeopolítico. Na Unión Europea xa vimos a desaparición do espazo Schengen de repente. Os estados eliminárono unilateralmente, sen trazar unha estratexia ou facelo coordinados, o que evidencia a debilidade da UE. 

Por outra banda, sobre a cuestión da soberanía, tantas veces criticada, vese agora a súa importancia. A soberanía enténdese agora como un factor real. Isto non vai de bandeiras, senón de quen toma as decisións. Por exemplo non temos as mesmas medidas aquí que en Francia. Ou no caso de Murcia, que quere decretar un confinamento total, pero o Estado español non llo permite, vemos que pese a que a xente murciana elixiu o seu Goberno, quen toma as decisións é o Estado. Non tes que ser independentista para darte de  conta de que a soberanía importa. 

Comentarios