Inesperado e esperanzador resultado para Palestina nas eleccións de Israel

De ser certo que a política fai estraños compañeiros de cama, a israelí é unha redonda. As alianzas son tan diversas e complexas que un partido da ultradereita sionista votará coa esquerda para que un líder do centro ocupe o posto de Netanyahu. Mais todo depende de que tamén se una unha pequena forza conservadora, pro palestina e islamista.
EuropaPress_3616157_22_march_2021_palestinian_territories_revava_israeli_prime_minister
photo_camera Discurso de Netanyahu no asentamento xudeu de Revava, en Cisxordania, no día previo aos comicios (Ilia Yefimovich / dpa)

"Estiven en contacto cos líderes da esquerda durante un tempo, mais non estou nin na dereita nin na esquerda. Consideraremos apoiar calquera que se nos achegue tras as eleccións e cumpra coas nosas demandas en todos os temas candentes", sinalaba antes das eleccións xerais en Israel Mansour Abbas, líder da Lista Árabe Unida (LAU, ou Ra'am en hebreo), un dos catro partidos árabe-israelís que até febreiro facían parte da coalición Lista Conxunta.

Malia que a prensa insistiu en describilo como un hipotético apoio para que o actual primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, siga no cargo, nos últimos días recalcou que o único principio que o guía é o dos intereses da comunidade árabe. Unha única cousa ten clara, recolleu o xornal israelí Haaretz (progresista), non participará en ningún Goberno en que estea o anti árabe Itamar Ben-Gvir, que concorreu nas listas do partido Sionismo Relixioso. "Esta é unha condición sine qua non e non está aberta a discusión", dixo.

Tamén desde esta formación de extrema dereita, o seu líder Bezalel Smotrich desbotaba por completo contar co apoio da LAU. "Non haberá Goberno de dereita baseado no partido Ra'am de Mansour Abbas. Punto", escribía onte no Facebook. E Haaretz informaba de que a maioría dos membros do Likud manifestaran a súa oposición ao apoio de Abbas nos grupos de What'sApp.

A cidadanía árabe de Israel ten fortes lazos familiares cos palestinos dos territorios ocupados de Gaza e Cisxordania e identifícanse coa causa. Isto fai que gran parte da cidadanía xudía de Israel os vexa como sospeitosos, "algo que Netanyahu e outros líderes da dereita capitalizaron", apunta Al Jazeera (canle panarabista, laica).

Da banda do centroesquerda tamén comezaron os movementos. Segundo informou onte a través do Twitter a radiotelevisión pública israelí, KAN, estaríase a negociar co líder do partido centrista Azul e Branco, Benny Gantz, para que encabezase un Goberno de coalición. De ser así, a posición da LAU sería chave; unha boa noticia ─ou menos mala─ para os palestinos tamén.

Quen é quen?

En definitiva, o reconto de votos das cuartas eleccións parlamentarias en dous anos finalizou sen ningún dos dous bloques lograr maioría suficiente para formar Goberno, polo que de non haber acordo coa LAU se iría a quintos comicios. O da dereita, "pro Netanyahu", sumou 59 deputados; e o do centro-esquerda, "anti Netanyahu", fíxose con 57. A LAU ten 4, e a maioría da Knesset está en 61. Mais quen é quen dentro de cada bloque?

Likud. Partido da dereita sionista ("A Consolidación") oposto a facer ningún tipo de concesión aos palestinos. Foi o vencedor destes comicios atinxindo 30 deputados. Lidérao Netanyahu, que actualmente está a ser xulgado por suborno, fraude e abuso de confianza.

Yesh Atid. Formación de centro, partidaria da solución dos dous Estados no conflito palestino. Logrou 17 representantes e volve ser a segunda forza da Knesset. Nas eleccións de 2020 concorreu coa tamén centrista Azul e Branco, mais rompeu con ela despois de que Benny Gantz decidise entrar no Goberno de Netanyahu. Yair Lapid, presentador de TV, é o líder do Yesh Atid ("Hai un futuro") e da oposición parlamentaria.

Shas. A Federación Sefardí dos Gardiáns da Tora fíxose con 9 asentos. A formación ultraortodoxa liderada por Aryeh Dery é un firme apoio de Netanyahu.

Kahol Lavan. O centrista Azul e Branco do ex xeneral Benny Gantz converteuse no principal socio de Netanyahu no último Goberno malia prometer nas eleccións de 2020 que non o faría. Desta volta parece que si cumprirá e os seus 8 deputados suman no bloque "anti Netanyahu".

Yamina. Partido da dereita que no pasado concorreu con formacións ultras. Fíxose con 7 asentos na Cámara e está liderado por Naftali Bennett, ministro con Netanyahu. Malia que non acabou de definir se o apoiaría desta volta, xornais como The Jerusalen Post (conservador) inclúeno no bloque "pro-Netanyahu".

Laboristas. Coñecido popularmente como HaAvoda é un partido histórico do centroesquerda en Israel, un dos fundadores do Estado en 1948. Na década de 1990 gobernou Israel e asinou os Acordos de Oslo. Na terza feira logrou 7 escanos grazas ao pulo da súa líder Merav Michaeli, feminista, activista LGTBI e partidaria da paz e dos dous Estados.

Xudaísmo Unido da Torá. Os 7 deputados da formación ultraortodoxa que representa os asquenazí (xudeus orixinarios de Alemaña e Centroeuropa) irán ao seu socio de vello, Netanyhau. O seu líder é Moshe Gafni.

Yisrael Beiteinu. Tamén 7 deputados van para a formación de Avigdor Lieberman, que foi ministro en numerosas ocasións desde a súa entrada en política a comezos de século. Nacido na URSS, foi vinculado no pasado con organizacións racistas e anti árabes. Fundou o seu actual partido ("Israel, o noso lar", ultradereita liberal e anticlerical) para dar voz os inmigrantes xudeus soviéticos. Entraría dentro do bloque "anti Netanyahu".

Lista Conxunta. Formada por tres dos catro partidos árabe-israelís que concorreron xuntos desde 2015: Hadash (socialista), Balad (nacionalista árabe, socialdemócrata) e Ta'al (nacionalista árabe, centroesquerda). Encabézaa Ayman Odeh, líder de Hadash, e logrou 6 escanos nos comicios.

Sionismo Relixioso. Extrema dereita racista, unión de Bezalel Smotrich e Itamar Ben-Gvir e "pro Netanyahu". Ten 6 escanos. 

Nova esperanza. Liderado polo antigo ministro de Netanyahu Gideon Sa'ar, este partido da dereita sionista logrou 6 deputados e apoiará o bloque "anti Netanyahu".

Meretz. Esquerda pacifista, nun principio tiña previsto concorrer canda aos laboristas. Nitzan Horowitz é o seu líder e ten 6 representantes que irán para desbancar o actual primeiro ministro.

Lista Árabe Unida. A chave do futuro Goberno de Israel e pode que das políticas cara a Palestina. Os de Mansour Abbas lograron 4 deputados que, de sumalos ao bloque "anti Netanyahu", darían a maioría de 61. O partido, islamista conservador, rompeu coa Lista Conxunta por cuestións relixiosas e referentes aos dereitos LGTBI. 

Comentarios