Independentistas cataláns obterían por vez primeira a maioría do voto

As eleccións en Catalunya están convocadas para decorrer no mes de febreiro.
Gabriel Rufián, de ERC. (Foto: E. Parra  / Pool / Europa Press)
photo_camera Gabriel Rufián, de ERC. (Foto: E. Parra / Pool / Europa Press)

As eleccións ao Parlament de Catalunya están convocadas para febreiro, mais de realizárense agora o independentismo ampliaría a súa actual maioría absoluta en escanos (pasando de 70 a 73-77).

Con todo, a novidade estaría en que por primeira vez as forzas independentistas conseguirían sumar 50% dos votos e mesmo superar esa barreira, alcanzando 50,9%. O unionismo ficaría en 36-40 escanos e 40,7% dos sufraxios, mentres que Comúns terían 6,9% de apoio.

Así se desprende do novo barómetro do Centre d'Estudis d'Opinió (CEO) da Generalitat que, ao igual que nos últimos estudos, volve dar ERC como gañadora con 35 escanos (actualmente ten 32). Porén, Junts recortaría distancias, superando os últimos prognósticos e póndose a 30-32 escanos (agora ten 34).

O PSC subiría 8 e tería 17 asentos, e Ciudadanos perdería 20 e ficaría con 14-16. A CUP pasaría de 4 a 8-9, mentres que Comúns e PP estarían en 7-9. Entraría Vox con 4-6 e podería ter un escano o PDeCat.

Mesa de diálogo

Por outra banda, ERC anunciou que pediu ao Congreso que inste ao Goberno de coalición a convocar unha mesa de diálogo con Catalunya. Esa petición refírese a unha vez estea conformado o novo Executivo autonómico e o Parlament após o 14 de febreiro.

A demanda é que, en canto pasen os comicios, a reunión se programe "de maneira inmediata". A moción foi entregada hoxe no rexistro da Cámara baixa e vai en relación a unha interpelación á ministra de Política Territorial, Carolina Darias.

O grupo que lidera Gabriel Rufián pretende unha resolución definitiva do conflito político, mentres o Goberno do Estado Español volve reuterar que está dispoíbel para falar de "todo" sempre que estea dentro do "marco constitucional" vixente.

Comentarios