O independentismo escocés suma 25 vitorias nas últimas 27 eleccións parciais

O SNP imponse nos comicios aos consellos locais de Dumfermline North e Rosyth, desbancando os laboristas.

escocia SNP

O Partido Nacional Escocés (SNP) segue a colleitar vitorias nas urnas. Á maioría absoluta no Parlamento de Escocia, onde ten 64 dos 129 deputados, hai que engadir que copou case a totalidade da cota de escanos escoceses no Parlamento británico (ten 54 de 59) e a súa importante presenza na Cámara europea, onde posúe 2 euro-parlamentares. E suma e sigue: nas últimas 27 eleccións parciais, independentismo escocés gañou en 25, como lembra 'Nacións sense estat'.

A finais de novembro decorreron eleccións aos consellos locais de Dunfermline North e Rosyth, en Fiobha, o terceiro concello máis poboado de Escocia, con máis de 365.000 habitantes. Sharon Wilson na primeira e Ian Ferguson na segunda son os novos conselleiros de Fiobha (en inglés, Fife). O éxito, porén, hai que enmarcalo nun escenario no que hai unha 'sombra', a baixa participación, por volta dun 25%.

En Rosyth o SNP obtivo o 45,2% dos apoios, un 9,4% máis que nos anteriores comicios, mentres que os laboristas perdían o 13% dos apoios, ficando en 34,5%. O Partido Conservador, maioritario en Gran Bretaña, ficou aquí por baixo do 10 por cento dos sufraxios.

No que atinxe a Dunfermline North, o independentismo escocés aumentou nun 12% nas urnas mentres que o Partido Laborista desplomábase do 50 ao 30 por cento. O SNP logrou o 43,5% dos votos.

Comentarios