CIUDADANOS, FORZA MÁIS VOTADA, SEGUIDA DE JUNTS PER CATALUNYA

O independentismo derrota nas urnas o 155

O independentismo mantén a maioría absoluta (70 de 135 escanos da Cámara) nun 21D no queCiudadanos foi a forza máis votada. 47,5% dos votos foron para candidaturas independentistas, 45% para as constitucionalistas e 8% para Catalunya en Comù.

DRmfO5TWkAAfVsy
photo_camera Imaxe: Nació Digital

Cunha participación histórica (81,9%) e nunha situación de anormalidade, o independentismo foi quen de manter a maioría parlamentar. Junts per Catalunya (34 escanos), ERC (32) e CUP (4) suman 70 deputados dos 135 que ten o Parlamento catalán. Maioría absoluta, que está en 68. A forza máis votada foi Ciudadanos, con 37 escanos, mais que son insuficientes para tecer unha maioría constitucionalista ou do 'bloque do 155' pois PSC ficou en 17 escanos e PP, 3 (suman 57). Os populares pasan ser a última forza en Catalunya. Catalunya en Comú logrou 7 representantes.

O independentismo logrou 47,5% dos votos (superando os dous millóns de papeletas), por 45% das forzas do bloque que apoiou o 155 e 7,4% dos 'comúns', que logran 8 deputados, 3 menos que hai dous anos. SE sumamos as forzas opostas ao 155, representan unha clara maioría na Cámara: 78 de 130.

Por circunscricións, Ciudadanos foi a forza máis votada en Barcelona e Tarragona, sendo Junts per Catalunya en Girona e Lleida.

Junts per Catalunya e ERC suman por separado máis deputados (66) que os que lograron en 2015 concorrendo xuntos en Junts perl Si (62). 

Xabier Albiol (PP) foi dos primeiros en comparecer na noite electoral. Fíxoo para parabenizar Ciudadanos e recoñece o mal resultado do Partido Popular. "É un mal idea, vemos con preocupación o futuro de Catalunya coa maioría independentista". Tamén Miquel Iceta (PSC) se mostraba triste polo feito de que o independentismo conseguise a maioría absoluta e os socialistas só medrasen 1 deputado. A outra cara do constitucionalismo foi Inés Arrimadas (Ciudadanos), exultante na noite electoral, gabándose de "por primeira vez en Catalunya gañou o constitucionalismo". A candidata de Cs di que "ficou claro" que a maioría dos cataláns queren ser españois.

No independentismo a satisfacción por manter a maioría absoluta era evidente. Cando aínda non finalizara o reconto de votos -mais este xa pasaba do 90%- compareceron responsábeis da ANC para resumir o que ascontecera na xornada: "O independentismo gañou as eleccións con máis participación da historia e nun contexto particularmente difícil". Unha reflexión partillada por Junts per Catalunya, ERC e CUP.

Carles Puigdemont (Junts per Catalunya) compareceu en Bruxelas e afirmou que "a república catalá derrotou a monarquía do 155". Para Puigdemont, nas eleccións deste 21D Mariano Rajoy "recibiu unha labazada dos cataláns". Os resultados, con maioría independentista no Parlament, deben levar a Europa a "tomar nota", dixo. Marta Rovira (ERC) chamou a un goberno republicano que "recupere as institucións" para o pobo catalán e a CUP, se ben recoñeceu que a súa baixada (de 10 a deputados) foi dura, incidiu en que a República continuaba viva.

Comentarios