Pere Aragonès: "Independencia e xustiza social teñen que ir da man"

Pere Aragonés (1982) é o candidato de ERC á Presidencia da Generalitat de Catalunya nas eleccións do 14 de febreiro. É vicepresident do Govern e acabou asumindo funcións de president após a inhabilitación de Quim Torra nunha lexislatura convulsa pola pandemia, a crise e as tensións no Executivo con Junts.
Pere Aragonès, candidato de ERC, aspira a presidir Catalunya (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Pere Aragonès, candidato de ERC, aspira a presidir Catalunya (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

Ten 38 anos e 22 lévaos dentro de ERC, onde entrou aos 16. Son puntos no currículo?

Unha cousa é un movemento acomodado ao sistema e outra é ERC ou outras forzas que teñen un compromiso pola independencia. É unha forma máis de activismo, que non de política institucional. Cando facía murais e penduraba carteis, non imaxinaba que sería conseller de Economía. Non entraba dentro dos plans.

Ten un bisavó de ERC, un de Joventuts Socialistes, un avó alcalde franquista e un pai e unha muller converxentes. Por que non entrou en Convergència?

A xente das Joventuts Nacionalistes de Catalunya [foron as mocidades de Convergència] buscoume durante un tempo. Era cando Convergència pactaba con Aznar.

Con Junts non hai tantas diferenzas, e coa CUP tamén vexo máis puntos de coincidencia que antes

A ideoloxía vaise forxando ao longo dos anos e ninguén nace cun corpus ideolóxico moi detallado. Eu sempre tiven moi claro que a independencia e a xustiza social teñen que ir da man. Por tanto, o meu lugar non podía ser un partido liberal conservador que non defendía a independencia.

É fillo político de Junqueras. Que os separa?

Oriol ten un olfato político extraordinario. É moi creativo. Ten un punto de desorde con sentido. A min gústame ser máis metódico, ordenado, co que implica que esa capacidade creativa teño que suplila con máis método e traballo.

Pasemos á xestión da pandemia. En Catalunya, 19.000 mortes. Autocrítica?

Foi moi doloroso o momento en que faltaban elementos de protección para os hospitais e residencias. Evidentemente que se fixeron cousas mal, teríamos que ser moito máis áxiles. É importante aprender.

Hoxe temos as residencias blindadas. Todos os sanitarios teñen material de protección

Hoxe temos as residencias blindadas. Todos os sanitarios teñen material de protección. Reforzouse o persoal. Aprendemos no ámbito dos gobernos e nos profesionais.

Os consellers de Asuntos Sociais e de Sanidade van nas listas. Apoia a xestión que fixeron?

Calquera persoa á fronte da xestión das residencias deste país tería as mesmas dificultades. O esforzo e o cambio que se fixo é extraordinario: incorporación de máis de 12.500 profesionais de diferentes disciplinas, pasamos de facer 5.000 probas PCR na segunda quincena a 370.000 probas (PCR e test de  antíxenos) esta semana.

Houbo un aumento da capacidade de rastrexo. Cando a situación das residencias xa non pode ser xestionada desde un punto de vista asistencial pásase a facer xestión sanitaria. Tomamos a decisión no momento oportuno.

Pero Catalunya é un dos países con máis mortos. Non chegaron tarde ás residencias?

Non había ningún país que estivese preparado para a pandemia. E cando vén de golpe, cométense erros. Traballamos para anticiparnos, pero nalgúns casos non puidemos. Na primeira onda, coas residencias, non nos puidemos anticipar, pero reaccionouse.

Neste proceso hai momentos en que é tacticamente útil confrontar co Estado, e noutros tes que acumular forzas

Por que quere pactar con Junts se non se entenden?

Creo que é máis unha cuestión de retórica que de discrepancia estratéxica. Todos sabemos que para lograr a independencia necesitamos unha correlación de forzas máis favorábel. Cando tiven conversas a fondo con dirixentes de Junts, isto estaba claro. Outra cousa é a retórica diferenciada. Hoxe vin as prioridades de Junts e fálase de referendo vinculante e acordado. É o que defende ERC. Con Junts non hai tantas diferenzas, e coa CUP tamén vexo máis puntos de coincidencia que antes.

E, finalmente, temos que sumar os que non son independentistas e conseguir que non vexan a independencia como algo hostil. E que se vexan animados a sumarse ás nosas propostas: autodeterminación e amnistía, que agrupan desde o PDeCAT aos Comúns.

Tensar funciona?

Depende das circunstancias. Tensar a favor do dereito a decidir e de autodeterminación, si. Neste proceso hai momentos en que é tacticamente útil confrontar co Estado, e noutros tes que acumular forzas.

É cuestión de ir alternando. Estamos nun momento en que temos que volver agrupar, e en dúas grandes ideas: dereito de autodeterminación e amnistía. Haberá momentos de confrontación co Estado e momentos de distensión. Son cuestións tácticas. Para acabar de facer o traballo de 2017, necesitamos unhas condicións mellores que as de outubro de 2017.

Tivemos unhas limitacións que temos que poder superar: necesitamos forzas no ámbito sindical que acompañen. Comeza a habelas: a Intersindical, ou a xente independentista en UXT ou CCOO, ou ás cámaras de comercio. Pero aínda estamos lonxe. Os partidos independentistas aínda non superamos 50% do voto. Un golpe a esta barreira ábrenos un novo escenario narrativo onde explorar alianzas e aliñar os intereses internacionais cos nosos.

Comentarios