Segundo unha enquisa

O “si” á independencia de Catalunya tería un apoio do 79% nun referendo unilateral

No caso de que tiver lugar un referendo de independencia sen acordo co Estado, é dicir, unilateral, a participación sería do 63%, ao nivel de eleccións de primeira orde. Aliás, o 79% amosaríase partidario do “si” á independencia.

Diada
photo_camera Imaxe dunha Diada

Unha enquisa de GESOP publicada por El Periódico reflicte dous dados fundamentais de ter lugar un referendo unilateral, sen acordo co Estado. Unha vez cruzada a lembranza do voto das persoas enquisadas cos dados de participación e de intención de voto no referendo unilateral, a sondaxe (que se publicou unha semana antes da cimeira polo referendo) reflicte que ganaría o “si” á independencia cun 79% dos votos.

A enquisa indica unha alta participación debido á mobilización das formacións independentistas. Estímase que iría votar o 63% da poboación con dereito a voto, unha cifra claramente superior á das eleccións europeas. Votaría, segundo a enquisa, o 96% das persoas votantes de Junts pel Si e o 97% das votantes da CUP. Aliás, o 36% das persoas que non se consideran independentistas participaría e votaría mesmo se o referendo non é acordado.

Esta sondaxe sinala que practicamente todas as persoas electoras de Junts pel Si e a CUP votarían a favor da independencia, ao igual que o 33% de votantes de Catalunya Si que Es Pot, o 3% do PSC e o 4,4% de Ciudadanos. En total, habería un 79,74% de votos afirmativos. Segundo a enquisa, hai un 7,8% da poboación que non sabe que votaría.

Comentarios