EN CONTRASTE COA VITORIA UNIONISTA O 26X

O si á independencia de Catalunya recupera folgos

O si á pergunta de se Catalunya debe ser un estado independente volta a superar o non no inquérito do Centre d'Estudis d'Opinió, un instituto público dependente da Generalitat. A sondaxe fíxose despois das eleccións do 26 de xuño.

Esteladas durante a campaña das xerais do 20D de 2015
photo_camera Esteladas durante a campaña das xerais do 20D de 2015

Á pergunta directa de "se queres que Catalunya se converta nun Estado independente" responderían afirmativamente neste momento o 47,7% das persoas inquiridas, face un 42,4% de negativas, un 8,3% de "non sabe" e un 1,7% de "non contesta".

A evolución do bloco independentista sería positiva, sendo que no último inquérito, realizado en marzo, rexistouse un práctico empate técnico: 45,3% a favor e 45,5% en contra.

Os dados contrastan vivamente co que o eleitorado catalán acaba de votar o 26X, na segunda volta das eleccións ás Cortes Xerais do Estado. Neses comicios o voto formalmente independentista apenas acadou no seu conxunto o 32,09%, resultado da adición do 18,17% de ERC e o magro 13,92 da outrora todopoderosa Convergència, agora rebaptizada como Partit Demòcrata Català.

As percentaxes das forzas que son contrarias á independencia ficaron así: 24,51% de En Comú Podem, 16,12% de PSC, 13,36% do PP e 10,93% do Cs.

O 30,5% do eleitorado de Catalunya sí que es pot declara o seu apoio á independencia

Mais a realidade sempre é máis complexa e os estudos sociolóxicos mostran que os eleitorados de independentistas e unionistas non son estancos. Así, de acordo con este inquérito, o 30,5% das persoas que nas anteriores eleccións ao Parlament de Catalunya votaron Catalunya sí que es Pot se declaran independentistas, percentaxe que acadaría o 7,8% das e dos eleitores do PSC. Como cabía agardar as cifras son moito inferiores entre as e os apoiantes do PP (3,8%) e Cs (3,5%).

Nova vitoria de JxSí

O inquérito predí unha nova vitoria de Junts pel Sí (coligazón de ERC e Partit Demòcrata Català) na eventualidade dunhas novas eleccións. Estaría entre os 60 e os 62 escanos, actualmente ten 62 parlamentares.

Daría un grande chouto Catalunya sí que es pot, que deviría na segunda forza do Parlament e transformaría os seus actuais 11 escanos en practicamente o duplo, entre 20 e 22. Caería, portanto, Cs, que podería chegar a ceder até 7 actas, ao pasar das 25 actuais a un abano entre 18 e 21. PSC e PP voltarían a mostrar a fidelidade das súas parrouquias: PSC, entre 16 e 17 (ten 16) e PP, entre 11 e 12 (11).

Capítulo aparte merece a CUP, que pagaría peaxe pola súa conflituosa vida interna. Os seus actuais 10 escanos ficarían en 6 ou 8.

Comentarios