Incremento dos ataques aéreos entre o Exército ruso e ucraíno

Moscova confirma o falecemento de 63 militares en Donetsk, nunha xornada na que se reportou un aumento dos bombardeos.
Restos dun ataque en Kíiv. (Foto: Aleksandr Gusev / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Restos dun ataque en Kíiv. (Foto: Aleksandr Gusev / Zuma Press / ContactoPhoto)

Nas últimas horas produciuse unha escalada do ritmo de bombardeos no contexto da guerra en Ucraína, trasladaron ambos os dous Exércitos. As autoridades ucraínas denunciaron a segunda feira unha vaga de bombardeos rusos en todo o país contra “infraestruturas críticas”, que deixaron cando menos catro mortes no comezo deste ano. A pesar diso, a operadora estatal Ukrenergo subliñou que o sistema eléctrico está “completamente baixo control”.

Pola súa banda, o Executivo de Donetsk sinalou que foron rexistradas arredor de 80 series de bombardeos ucraínos contra o territorio, incorporado a Rusia a finais de setembro de 2022.

Aproximadamente 15.000 persoas permanecen sen electricidade, apuntou.

Amais, o Ministerio de Defensa ruso comunicou que 63 militares morreron nun ataque aéreo do Exército ucraíno durante o Aninovo contra a cidade de Makivka, na mesma rexión.

Isto levou a impulsar ataques contra cuarteis dos soldados estranxeiros que loitan a prol de Ucraína, e que Moscova define como “mercenarios”, atribuíndo  o Ministerio a esta ofensiva un número de baixas semellante.

Tamén se reportou o ataque dun dron ucraíno que danou a subministración eléctrica en Briansk, recuperada pouco despois.

No plano humanitario, Polonia destacou que desde a invasión rusa a finais de febreiro  de 2022 xestionou case nove millóns de cruces na fronteira desde Ucraína, mentres que máis de sete millóns de tránsitos foron para volver ao territorio controlado polas autoridades de Kíiv.

Segundo os datos ofrecidos pola Axencia da Organización das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur), Polonia, cun millón e medio de persoas refuxiadas procedentes do territorio ucraíno, é o segundo país que acolle máis refuxiados por mor do conflito despois de Rusia, onde se contabilizan case o dobre de persoas refuxiadas ucraínas.

Desde Bruxelas, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, insistiu en que o bloque comunitario apoiará Ucraína “o tempo que faga falla”, apenas un día despois de que o secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Jens Stoltenberg, instara a que os países da alianza militar liderada polos Estados Unidos estean preparados para soster o nivel de asistencia militar e financeira a Kíiv durante un longo período de tempo.

Arredor da fin das hostilidades, o ex xeneral da OTAN Hans-Lothar Domrose defendeu que prevé un alto o fogo a mediados de 2023, “cando ambas partes digan que isto non vai a ningures”, resolveu.

Comentarios