Incógnitas ante o interrogatorio a un xornalista palestino nun cuartel da Garda Civil

Antón Gómez-Reino, deputado galego de Unidas Podemos en Madrid, rexistrou unha pregunta ao Ministerio do Interior español sobre o suposto acoso por parte dun "axente do Estado belga", que "falou en árabe cun marcado acento israelí".

palestina_unidas-podemos
photo_camera Reunión de Gómez-Reino e Dalda co xornalista Muath Hamed (Europa Press)

O Grupo Confederal de Unidas Podemos rexistrou no Congreso dos Deputados, en Madrid, unha iniciativa en que pregunta ao Ministerio do Interior español sobre un suposto interrogatorio realizado pola Garda Civil ao xornalista palestino Muath Hamed, solicitante de asilo internacional en España.

A iniciativa parte dunha reunión mantida entre os deputados Antón Gómez-Reino e Lucía Dalda con Hamed, que lles relatou que os feitos aconteceron o pasado 11 de febreiro nas dependencias do Instituto Armado na rúa Batalla del Salado da capital española, onde acudiu tras ser citado.

Segundo recolle Galicia en Común nun comunicado, o xornalista palestino, que está en trámites na súa solicitude de protección internacional, desprazouse ao lugar "coa vontade de colaborar" e malia que a Garda Civil "non ten competencias" na materia.

No cuartel, de acordo co relato de Hamed aos deputados de Unidas Podemos, foi conducido até unha sala onde o esperaba unha persoa que se identificou como "axente do Estado belga", mais que no entanto "falou en árabe cun marcado acento israelí".

O xornalista palestino asegura que "foi presionado" por esta persoa, que lle solicitou información vinculada co seu expediente e que foi ameazado con represalias contra el e mais a súa familia.

Convención de Xenebra

Para Unidas Podemos, estes feitos "poderían contravir o estipulado na Convención de Xenebra de 1951 e a vixente lei de asilo no Estado", que garante "a confidencialidade e a protección dos solicitantes de protección internacional fronte aos axentes de persecución".

Por todo o relatado, o Grupo Confederal rexistrou unha iniciativa no Congreso para que o Ministerio do Interior español explique se coñecía a presenza do xornalista palestino no cuartel de Batalla del Salado, así como a identidade do suposto axente belga.

Ademais, solicita ao departamento que dirixe Fernando Grande-Marlaska información sobre a protección aos solicitantes de asilo fronte a axentes de persecución.

Comentarios