"Incitación á insurrección", cargo único no 'impeachment' a Trump

O Partido Demócrata presenta a solicitude formal contra o presidente estadounidense co fin de inhabilitalo e impedir que se volva presentar a unhas eleccións.
EuropaPress_3507704_07_january_2021_us_washington_ushouse_speaker_nancy_pelosi_speaks_at_her
photo_camera A presidenta da Cámara de Representantes e líder dos demócratas, Nancy Pelosi (Michael Brochstein / ZUMA)

O Partido Demócrata presentou onte a solicitude formal de apertura de xuízo político ou impeachment contra o presidente estadounidense, Donald Trump, por un único artigo de "incitación á insurrección" despois do seu apoio ás mobilizacións que culminaron co asalto ao Capitolio no 6 de xaneiro.

Os prazos impedirían destituílo antes do 20 de xaneiro, día da toma de posesión de Joe Biden, mais si permitirían inhabilitalo para exercer cargos públicos e volverse presentar como candidato nunha eleccións.

Os membros demócratas da Cámara de Representantes David Cicilline, Ted Lieu e Jamie Raskin subscriben a solicitude de apertura do proceso de destitución contra Trump por "incitar premeditadamente á violencia contra o Goberno dos Estados Unidos". A moción para a tramitación de urxencia da solicitude foi recorrida polos republicanos, mais o proceso de xuízo político contra Trump está xa formalmente aberto.

O texto presentado sostén que Donald Trump repetiu afirmacións falsas sobre a súa suposta vitoria nos comicios presidenciais do 3 de novembro, arengou os seus seguidores nun discurso retransmitido o propio 6 de xaneiro e presionou o secretario de Estado de Georgia para mudar o resultado electoral.

"Con todo iso, o presidente Trump puxo en grave perigo a seguridade de Estados Unidos e as súas institucións de Goberno", sinala a resolución, á que tivo acceso anticipado a cadea CNN

25ª emenda

Ademais, entre hoxe e mañá está previsto que a Comisión do Regulamento da Cámara de Representantes se reúna para estabelecer un marco de debate sobre a posíbel activación da 25ª emenda da Constitución. Neste caso, son o vicepresidente e os membros do Goberno os que iniciarían o proceso de destitución.

Comentarios