A incidencia da Covid en Portugal dispárase a valores de febreiro

Oito mortes e 1.782 novos contaxios no último día, mentres os casos activos superan os 46.000.
Tranvía no barrio da Baixa, Lisboa (Foto: Jorge Castellanos / Zuma Press / Contactphoto).
photo_camera Tranvía no barrio da Baixa, Lisboa (Foto: Jorge Castellanos / Zuma Press / Contactphoto).

A pandemia segue a golpear Portugal con dureza. Segundo os datos máis recentes da Direcção-Geral da Saúde, difundidos nesta segunda feira, no país veciño hai 46.048 casos activos da Covid-19 (746 máis que un día antes). Non se rexistraba unha cifra tan elevada desde o pasado 12 de marzo, cando a poboación aínda se atopaba confinada.

Tamén repunta de forma considerábel a incidencia acumulada (IA) a 14 días, con 315 casos por cada 100.000 habitantes, unha cifra que non se alcanzaba desde febreiro. Neste senso, nas últimas 24 horas detectáronse 1.782 novos contaxios (541 menos que na xornada anterior, mais aínda nun rango que lembra aos datos de principios de 2021.

Un de cada dous positivos foron notificados na rexión de Lisboa e Vale do Tejo, unha das máis afectadas. De feito, a IA da capital lusa a 14 días, 749, é unha das maiores do país. A rexión Norte, pola súa banda, concentra outro 30% dos novos contaxios.

Noutra orde, os internamentos hospitalarios volven medrar unha xornada máis no conxunto de Portugal, cun total de 566 doentes en unidades convencionais (+47) e outros 163 na UCI (+10). Desde finais de marzo non se rexistraba unha presión asistencial tan alta.

Preocupa especialmente a situación en Lisboa e Vale do Tejo, que conta con 97 doentes na unidade de críticos malia que as autoridades sanitarias fixaran en 84 as camas destinadas a doentes da Covid-19. Porén, en declaracións recollidas pola axencia de noticias Lusa, a Administração Regional de Saúde afirmou que os hospitais da rexión "continuam a dar resposta a doentes Covid e não Covid", resaltando que "os planos de contingência são dinâmicos e ajustáveis às necessidades resultantes da realidade epidemiológica".

Así as cousas, os servizos sanitarios portugueses deron conta de oito novos pasamentos na última xornada, polo que o cómputo global sobe a 17.164 óbitos desde o inicio da pandemia.

Récord de vacinación

Por outra banda, tal e como recolle o diario Público, Portugal bateu na última semana un novo récord de vacinación, alcanzando o millón de doses inoculadas en sete días. "Nesta semana, verificou-se um ritmo de vacinação excepcionalmente elevado em função da grande disponibilidade de vacinas e da decisão de antecipar para oito semanas o intervalo entre doses da vacina da AstraZeneca", afirmaron fontes do Goberno. No país veciño administráronse un total de 9.741.445 vacinas.

Comentarios