A incerteza democrática regresa a Tunisia

Nove Gobernos diferentes en só dez anos, desde o triunfo da primeira das chamadas Revolucións Árabes. A inestabilidade política foi constante en Tunisia, un país cun grave problema de desemprego e de descrédito da poboación nas institucións do Estado. Situación que a pandemia da Covid-19 veu agravar.
EuropaPress_3855865_26_july_2021_tunisia_tunis_soldiers_of_the_tunisian_army_guard_the_entrance
photo_camera Exército e Policía custodian a entrada á sede do Parlamento, en Tunes, nunha protesta. (Foto: Khaled Nasraoui / dpa)

Tunisia enfronta a súa peor crise democrática desde hai unha década, cando en 2011 se produciu a primeira das chamadas Primaveras Árabes. O presidente Kais Saied disolveu o Goberno no domingo e paralizou a actividade do Parlamento por 30 días coa axuda do Exército. Unha acción cualificada onte de "golpe de Estado" polos principais partidos da oposición, informan as axencias internacionais sobre o terreo.

O movemento chega tras meses de bloqueos e enfrontamentos entre Saied e o primeiro ministro, Hichem Mechichi, cun Parlamento fragmentado e co país sumido nunha fonda crise económica, exacerbada pola pandemia da Covid-19. Precisamente foron as violentas protestas nas rúas do domingo os que alegou o presidente para dar o paso.

O presidente do Parlamento, Rached Ghannouchi, é tamén líder do Ennahda, unha formación islamista moderada inspirada nos Irmáns Musulmáns, maioritaria na Cámara e cun importante papel nas sucesivas coalicións de Goberno. Ghannouchi afirmou que se producira un "ataque á democracia" e chamou á sociedade a manifestarse nas rúas da capital, Tunes, e do resto do país.

"Isto é claramente un golpe de Estado constitucional. Un golpe contra a revolución, contra as liberdades xerais e persoais. O Parlamento elixido democraticamente, o Goberno e todo o demais aínda están en funcións", dixo en declaracións á axencia Anadolu

Seguidores e opoñentes do presidente enfrontáronse onte nos arredores dunha Cámara lexislativa blindada polo Exército, recolleu Al Jazeera. O lanzamento de pedras entre os dous bandos deixou numerosos feridos. Segundo comunicou esta canle de TV árabe, a Policía accedeu ás súas instalacións e expulsou os traballadores. Tamén a TV estatal foi tomada por forzas policiais.

Ademais, os militares impediron o acceso dun grupo de persoas ao pazo de Goberno, no kasbah, e o de Ghannouchi ao Parlamento.  

Ameaza de resposta severa

Saied invocou a Constitución de Tunisia para xustificar a disolución do Goberno e a paralización do Parlamento, e asegurou que gobernará coa axuda dun novo primeiro ministro. Con todo, non comunicou cando será designado.

En concreto, apelou ao artigo 80 da Constitución, que permite ao presidente tomar medidas excepcionais baixo serias ameazas co fin de protexer o país. O artigo, porén, condiciónao á consulta cos presidentes do Goberno e do Parlamento.

"Estou en contra da acumulación de todos os poderes nas mans dunha soa persoa", afirmou ás portas do Parlamento Ghannouchi, que nos últimos tempos tentou distanciar a súa formación da influencia dos Irmáns Musulmáns.

Pola súa banda, Saied ─que chegou á Presidencia en 2019 prometendo acabar coa corrupción e coa incompetencia das elites─ rexeitou as acusacións de "golpe de Estado" expresadas tamén polas outras dúas formacións maioritarias na Cámara, as conservadoras Qalb Tounes ─cuxo candidato en 2019 chegou á segunda volta contra Saied─ e Karama.

Saied tamén suspendeu o aforamento dos deputados e tomou control da Fiscalía xeral. "A calquera que dispare unha bala, as forzas armadas responderán con balas", sinalou Saied, que conta con diversos apoios, desde o islamismo até forzas da esquerda. 

"Regreso á orde constitucional", pide a comunidade internacional

A inestabilidade en Tunisia é constante desde a revolución de 2011, cun total de nove Gobernos desde entón, incapaces de acabar coas altas taxas de desemprego. Ademais, ten problemas orzamentarios e para pagar a débeda, que levou o Goberno de Mechichi a tentar a negociación dun novo préstamo co Fondo Monetario Internacional (FMI). 

Ante os acontecementos de onte, a UE pediu "respecto á Constitución, ás súas institucións e ao Estado de Dereito. O Goberno turco manifestou a súa "fonda preocupación" e avogou pola restauración da "lexitimidade democrática". 

Tamén desde Alemaña, o Goberno desexou que Tunisia regrese "o máis axiña posíbel á orde constitucional".

E desde Rusia, o Kremlin pediu que "nada ameace a estabilidade e a seguridade" da poboación tunesina. 

Comentarios