Iñaki Urdangarín leva seis meses sen pagar a hipoteca: "Ao non ter traballo é moi difícil"

Segundo informa a canle española Antena3, o banco teríalle concedido ao xenro do Rei un periodo de catro anos para porse ao día nos pagamentos "a un interese moi baixo"
photo_camera [Imaxe: SG]


O xenro do Rei, Iñaki Urdangarín, leva seis meses sen pagar a hipoteca da mansión de 600 metros cadrados que posúe no barrio barcelonés de Pedralbes.

Así llo confirmou o seu avogado, Mario Pascual, á imprensa de Madrid, ao tempo que xustificaba a actitude do ex xogador de balonmán porque "ao non ter traballo é complicado" ter os pagamentos ao día e acrecentou que o duque de Palma está á procura de emprego "permanentemente". 

Dixo descoñecer "o detalle" de se o banco lle reclamou as mensualidades atrasadas. Na liña, a canle Antena3 informou de que a entidade bancaria lle tería concedido unha moratoria de catro anos para porse ao día cos pagamentos atrasados, tempo durante o cal ben non terá que pagar ou terá que facelo "a un interese moi baixo".  

Os medios de comunicación quixeron saber se Urdangarín é tamén susceptíbel dun desafiuzamento, espetou que "esperemos que non, non chamemos o mal tempo". Urdangarín mercou a medias esta mansión canda a filla do Borbón en 2004. En xaneiro, cando o xuíz do caso Nóos lle impuxo unha fianza de 8,1 millóns a el e ao seu socio Diego Torres, o duque de Palma incluíu a súa metade da casa na listaxe de propiedades a embargar.

Comentarios