martes 31.03.2020

Inacción dos catro grandes das Américas

As catro principais economías de todo o continente americano –e que concentran o maior número de poboación– están a evitar polo de agora estabelecer medidas máis drásticas para frear o contaxio do novo coronavirus. Os seus Gobernos, en contra das opinións sanitarias, apostan por priorizar a actividade comercial.
Da esquerda á dereita, arriba, Donald Trump e Andrés Manuel López Obrador; abaixo, Justin Trudeau e Jair Bolsonaro (Nós Diario)
Da esquerda á dereita, arriba, Donald Trump e Andrés Manuel López Obrador; abaixo, Justin Trudeau e Jair Bolsonaro (Nós Diario)

Son os catro países que, segundo datos de 2019 do Fondo Monetario Internacional (FMI), teñen o maior Produto Interior Bruto (PIB) nominal en todo o continente americano. Ademais, están entre os máis poboados. Os Estados Unidos, o Brasil e México, por esta orde, son os tres que máis habitantes teñen. O Canadá tan só é superado por Colombia e a Arxentina. En total, os catro grandes das Américas concentran case 700 millóns de habitantes, case 70% da poboación continental.

Ante a expansión do novo coronavirus SARS CoV-2, causante da pneumonía COVID-19, os Gobernos das catro principais economías de todo o continente americano ─ao contrario que o resto dos seus veciños─ continúan a mostrar resistencia á imposición de corentenas masivas e o illamento social da poboación, priorizando coas súas políticas a actividade económica.

Unha circunstancia que se dá independentemente da cor política. Esta vai desde os postulados da dereita e extrema dereita defendidos polos presidentes estadounidense, Donald Trump, e brasileiro, Jair Bolsonaro; até os da esquerda, que representa o mexicano, Andrés Manuel López Obrador, pasando polos máis centristas, do primeiro ministro canadense, Justin Trudeau

Trump, en ascenso

Nos EUA, onde mesmo a outrora popular cantante Britney Spears avogou na súa conta do Instagram polo illamento ─ademais de chamar á "redistribución da riqueza"─, Trump resístese a estabelecer unha corentena a nivel nacional e quere que todo o país estea de novo completamente aberto para o próximo 12 de abril. 

Actualmente, as corentenas están a ser determinadas polos Estados. Neste momento, a poboación de California, Nova York, Illinois, Oregón, Washington, Nova Jersey, Connecticut, Luisiana, Delaware e Ohio mantense confinada. Isto é, 10 dos 50 estados dos EUA.

Trump, en ano electoral, témelle máis ás consecuencias económicas da pandemia que ás de saúde. A súa posición negacionista parece funcionarlle. Segundo unha enquisa de Gallup publicada nas últimas horas, a popularidade do presidente estadounidense alcanza nestes momentos o seu máximo histórico de 49%, cinco puntos máis que a comezos de marzo. Ademais, 60% aproba a súa xestión ante o brote. Nos EUA, segundo datos de onte, hai 68.795 casos e 1.037 mortes.

"Gripezinha"

No Brasil, Bolsonaro seguiu a mesma estratexia de Trump, mais no seu caso a popularidade vai en descenso entre a poboación, que protesta contra a súa xestión da crise con continuas cazoladas. Bolsonaro pediu á cidadanía que retome a súa vida normal para protexer a economía, malia o aumento dos casos da COVID-19. Criticou, ademais, os gobernadores estatais que ordenaron pechar tendas e escolas para frear a pandemia, que ameaza con colapsar o sistema de saúde do país máis grande de América Latina.

O presidente brasileiro, nunha mensaxe televisada ao país nesta semana, dixo que o confinamento se debería limitar a persoas anciás e enfermas, e tamén, nos últimos días, cualificou a COVID-19 de "gripezinha".

Bolsonaro, ao igual que o seu homólogo estadounidense mostra neste sentido maior temor polas consecuencias da pandemia na economía, que camiña cara a unha profunda recesión, que na afectación do coronavirus na saúde da poboación. Segundo datos de onte, o Brasil rexistra 2.554 casos e 59 mortes.

"Saian comer"

En México, o Goberno de López Obrador tomou medidas mínimas. Polo de agora, fechou a fronteira cos EUA para viaxes non esenciais e aconsellou quedar na casa. Onte anunciou que o seu Executivo suspendía todas as súas actividades, agás as esencias, relacionadas coa xestión sanitaria, enerxética, de limpeza e de seguridade pública.

O gobernante pediu recentemente á poboación que, "se o poden facer e teñen a posibilidade económica, continúen levando a familia a comer aos restaurantes". En México, a día de onte, había 405 casos e 5 mortes.

Illamento opcional

No Canadá, Trudeau camiña por unha perigosa liña intermedia. Nesta cuarta feira, en base á Lei da Corentena, impuxo un autoillamento obrigatorio de 14 días para as persoas que regresen ao país norteamericano. O primeiro ministro fixo o anuncio ás portas da súa residencia, onte está confinado logo de que se confirmara o positivo da súa muller. 

Con todo, o illamento da poboación segue a ser unha recomendación non unha obriga, mais no Canadá, que segundo datos de onte rexistra 3.387 casos e 35 mortes, estanse a realizar 10.000 tests de coronavirus ao día.

comentarios