Imputan o presidente do banco suízo Mirabaud polo branqueo de 65 millóns de euros do emérito

Continúa a investigación do fiscal suízo Yves Bertossa sobre o branqueo de capitais do rei emérito español utilizando un banco da Confederación Helvética, o Mirabaud. A última decisión de Bertossa é imputar o presidente da entidade financeira por non informar da transacción.
Graffiti nunha rúa de Valencia. (Foto: Rober Solsona)
photo_camera Graffiti nunha rúa de València. (Foto: Rober Solsona)

O fiscal de Xenebra (Suíza), Yves Bertossa, decidiu esta semana imputar Yves Mirabaud, presidente do Banco Mirabaud, por non informar do ingreso de 100 millóns de dólares (65 millóns de euros) do Goberno de Arabia Saudita a unha fundación propiedade de Juan Carlos I en 2008.

Na investigación por branqueo de capitais da fundación Lucum -con sede en Panamá-, que estuda a doazón do Ministerio de Finanzas saudita, xa están imputados Arturo Fasana e Dante Canonica, asesores en Suíza de Juan Carlos I, e Corinna Larsen, ex amante do rei emérito español.

Larsen, que quedou cos 65 millóns de euros, sinalou nunha demanda no Reino Unido contra Juan Carlos I que se trataba dun “regalo libre” depositado posteriormente no banco suízo con sede en Bahamas Gonet & Cie, apunta El Periódico.

Mirabaud recoñecera nunha comparecencia xudicial que non transmitira ás autoridades suízas a identidade do rei como destinatario da transferencia a unha conta que o seu asesor Fasana abrira o 6 de agosto de 2008, dous días antes da chegada dos 65 millóns de euros.

A partir desta declaración, indican medios europeos, o fiscal impulsou unha liña de investigación baseada en que foi o propio presidente do Banco Mirabaud o que decidiu impedir o traballo de dous dos organismos da súa entidade, encargadas da vixilancia dos movementos bancarios de clientes con exposición mediática, e ignorando a obriga de informar de ingresos sospeitosos á Oficina de Información de Lavado de Diñeiro, o organismo confederal ao que hai que transmitir desde hai dúas décadas eses datos.

Ademais da inclusión de Mirabaud como imputado, Bertossa mantén a procura para definir se amais do presidente do banco suízo, outros directivos da entidade axudaron a agochar o “regalo” a Juan Carlos I pola súa amizade persoal con Fasana, un dos seus asesores suízos. O banco sinalou que "confía nun resultado favorábel no proceso" xudicial.

Juan Carlos I presionou xuíces para salvar condenados por estafa

En 2008, o mesmo ano no que recibía 65 millóns de euros -que non declarou- do Ministerio de Finanzas de Arabia Saudita, Juan Carlos I premeu o Tribunal Constitucional para que atopara a maneira de absolver dous empresarios próximos ao rei emérito, Alberto Alcocer e Alberto Cortina, condenados por estafa no caso Urbanor por enganar os socios minoritarios da empresa no prezo dos terreos da Praza de Castilla, en Madrid, onde serían construídas as torres KIO, segundo reporta o dixital Público.

O rei emérito dirixiuse a Pascual Sala, amigo persoal e maxistrado do Constitucional, ao que lle foi asignado un maxistrado adxunto, Ángel Aguallo, que impulsou unha sentenza absolutoria sen valorar as condenas previas, atribuíndo ao Constitucional competencias do Tribunal Supremo, que criticou o fallo.

Comentarios