Impunidade e risco de novas violacións dos dereitos humanos no conflito tamil

A Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, alerta no seu informe sobre Sri Lanka que as políticas e os cargos públicos que deron pé á guerra civil finalizada hai 12 anos "están a ser reforzados". O independentismo tamil foi reprimido fortemente durante e tras o conflito bélico na illa do Índico.
EuropaPress_3547617_04_february_2021_sri_lanka_colombo_sri_lankas_president_gotabaya_rajapaksa
photo_camera O presidente de Sri Lanka, Gotabaya Rajapaksa, o pasado 4 de febreiro, Día da Independencia do país (Pradeep Dambarage / Zuma)

A guerrilla tamil do LTTE (Tigres para a Liberación da Patria Tamil) e o Goberno de Sri Lanka alcanzaron en 2009 un acordo de paz tras 26 anos dun sanguento conflito que, segundo unha comisión da ONU, causou a morte de arredor de 100.000 persoas. Destas, 40.000 foron civís tamil asasinados polo Exército na arremetida final da guerra, unha acusación que o Goberno nega.

Os tamil son predominantemente hindús e proceden da India. Desde o seu nacemento, o LTTE loitou por lograr un Estado independente, o Tamil Eelan, nas rexións do leste e do norte desta illa do Índico, onde a súa etnia é maioritaria. A dos cingaleses ─que son budistas─ domina o resto do territorio insular.

En xaneiro de 2008, o Goberno de Sri Lanka rompeu unilateralmente o acordo de cesamento do fogo subscrito en 2002 e devolveu o país ao estado de guerra. Así e todo, os combates entre o Exército ─que bombardeou aldeas tamil ─ e o LTTE ─que realizou ataques con bomba en localidades do sur─ eran xa constantes.

A ofensiva final do Exército de Sri Lanka en 2009 contou a maiores co apoio da presión diplomática exercida polos EUA, a UE, o Xapón e Noruega, que instaron o LTTE a rematar coas hostilidades e negociar para evitar máis mortes na zona independentista.

Militarización e vixilancia

Despois de 12 anos de finalizar a guerra, o traballo para asegurar xustiza ás vítimas foi "baldío", asegura o informe que acaba de presentar a Alta Comisionada de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, a ex presidenta de Chile Michelle Bachelet. Fíxoo durante a sesión do Consello de Dereitos Humanos que deu comezo esta semana e que se estenderá até o vindeiro 23 de marzo.

"Malia os compromisos realizados en 2015, o actual Goberno, como o seu predecesor, fracasou á hora de levar a cabo procesos xenuínos de procura da verdade ou de rendición de contas", afirma, e engade que "o impacto en miles de superviventes, de todas as comunidades, é devastador". 

"Máis aínda: sistemas, estruturas, políticas e cargos públicos que provocaron o xurdimento desas graves violacións no pasado permanecen ─e recentemente foron reforzados─", salienta.

Os informes da ONU durante as décadas de conflito sinalan o Exército de Sri Lanka como culpábel de lanzar ataques contra hospitais e realizar bombardeos aéreos indiscriminados. Tamén de executar líderes da guerrilla e da desaparición de miles de persoas da etnia tamil.

"A independencia da xustiza, a Comisión de Dereitos Humanos de Sri Lanka, a Comisión da Policía Nacional e outros organismos chave foron fondamente erosionados tras a adopción da recentemente aprobada 20ª emenda constitucional", declara Bachelet no seu informe. Esta modificación, aprobada en outubro de 2020, reverte a introducida en 2015, a 19ª, que outorgaba maiores competencias ao Lexislativo. A agora vixente, segundo criticou a oposición no debate parlamentario, leva o país polo camiño do autoritarismo, dando ao presidente poderes case absolutos.

Promesa presidencial

Este é Gotabaya Rajapaksa, que se impuxo nas eleccións de 2019 cun discurso ultrapatriótico e prometendo que os militares involucrados na guerra contra o LTTE non serían xulgados. Rajapaksa era o oficial de maior rango durante a ofensiva finalizada en maio de 2009. Naquela altura o irmán del Mahinda era presidente e agora é o primeiro ministro.

O informe da Alta Comisionada critica a "crecente militarización de funcións civís chave", ademais de que se continúe a manter no cargo oficiais da Policía e do Exército "implicados en supostos crimes e violacións graves". Neste sentido alertou de que había "sinais claros advertindo de que patróns pasados de violacións se podían repetir".

O exposto por Bachelet vai na liña do informe adiantado pola oficina de dereitos humanos da ONU o mes pasado, pondo de manifesto os retrocesos durante o Goberno de Rajapaksa. Nel apuntábase que a vixilancia de disidentes e de activistas polos dereitos humanos se incrementara e que emerxera un clima de autocensura en todo o país. O informe foi cualificado polo Goberno de "manobra política" e parte dunha "campaña de propaganda sen precedentes" contra Sri Lanka.

Sri Lanka autorizará o enterro de falecidos por Covid-19 tras as queixas de musulmáns

En Sri Lanka a poboación budista representa 70,2%, en tanto que cristiáns son 7,4%, hindús 12,6% e musulmáns 9,7%. Os enfrontamentos entre a maioría budista e esta última comunidade foron recorrentes na última década, con numerosos incidentes violentos contra musulmáns, que levaron á creación dos "comités de reconciliación". En 2018 o Goberno chegou a declarar o estado de urxencia.

Unha das últimas polémicas chegou polo decreto de marzo de 2020 que impedía enterrar os corpos dos falecidos por Covid e obrigaba á súa incineración, medida criticada por musulmáns e por organizacións polos dereitos humanos. Bachelet tamén censura no seu informe esta "política de cremacións forzadas" pola dor que causa. Hoxe, finalmente, o Goberno derrogou a orde.

Comentarios