Impulso de concellos normandos á sinalización toponímica na lingua propia

Breteuil Normandia
photo_camera Localidade normanda de Breteuil (Foto: Normandie Tr)

Chéronvilliers, Breteuil e Le Lesme, no departamento normando do Eure, no Estado francés, aprobaron a colocación de sinalización en lingua normanda. Hai unhas semanas o presidente normando, Hervé Morin, defendeu a recuperación social do idioma normando. 

En 2017 a cidade de Brétot xa colocou seis rótulos neste idioma, informa Internacionalistes. Un exemplo que seguiron localidades como Hémevez ou Bricquebec. Agora, novas vilas e cidades apostan na sinalización en normando como forma de poñer en valor a cultura e a propia rexión.

O normando é  unha lingua romance, unha das linguas d'Oïl, considerada tradicionalmente un dialecto do francés (pexorativamente denominado patois), que por iso recibe tamén o nome de francés normando. 

Fálase na rexión de Normandía, onde carece de status de oficialidade e tan só está recoñecida como lingua rexional; e nas Illas Anglonormandas, onde os dialectos se desenvolveron por separado do normando continental dende que Normandía deixou de pertencer á coroa inglesa no século XIII. 

A partir de 2016 as organizacións en defensa da lingua normanda federáronse na Federación de asociacións para a lingua (FALE) integrada por Magène, les Amis du Donjon, l’Université populaire normande du Coutançais, l’atelier langue normande de l’UIA de Caen, le Temps de Lire, la Chouque, la Fédération des jeux et sports normands, le Prêchi normand de Paris, l’Université rurale cauchoise o Collectif le Pucheux.

Non existen datos oficiais, aínda que se apuntaa que a zona con máis presenza da lingua sexa a da Baixa  Normandía, especialmente na península de  Cotentin, ao oeste e no País de  Caux ao leste.

Comentarios