Primeiro discurso de AMLO

"Imos aplicar tres principios: non mentir, non roubar e non traizoar o pobo"

Consciente de que está a facer historia, Andrés Manuel López Obrador -AMLO para o pobo mexicano- debrúzase sobre a ateigada Praza do Zócalo no México DF e pronuncia as súas primeiras palabras como presidente eleito. Non é o discurso dun político máis, é o discurso de quen ten o programa de botar terrar sobre o réxime que goberna o seu país desde hai máis de 8 décadas.

amlo
photo_camera amlo

53 por cento. Nunca un presidente mexicano acumulou tanto depósito de confianza do seu pobo. As expectativas son enormes. AMLO sábeo e quixo desde o minuto cero do seu liderado enviar a mensaxe de que estará á altura do xigantesco desafío que ten por diante: "Amor con amor se paga. E non lles vou fallar. Imos aplicar os tres principios: non mentir, non roubar e non traizoar o pobo".

O programa de AMLO é dun alcance extraordinario, como o son os problemas estruturais cos que terá que lidar o seu goberno. "O novo proxecto de nación procurará estabelecer unha nova democracia", dixo. Unha democracia que só se poderá construír se se derrota a oligarquía e o narcotráfico. "A transformación consistirá en desterrar a corrupción do noso país (...) a corrupción non é un fenómeno cultural, senón o resultado dun rexime político en decadencia", alegou.

López Obrador chega ao poder empoleirado por unha coligazón de forzas non exenta de contradicións internas, con presenza mesmo de forzas conservadoras -o Partido Encontro Social. O denominador común sería a defensa da soberanía mexicana perante Washington e un programa de desenvolvimento económico baseado na liberación das potencialidades produtivas do país, botadas a perder durante décadas polas mafias corruptas que teñen parasitado o estado mexicano.

Non esqueceu AMLO a perspectiva da política internacional no seu discurso e, nunha clara alusión ao todopoderoso veciño do norte, afirmou: "Respeitaremos os principios de autodeterminación e resolución pacífica dos conflitos".

Comentarios