mércores 20/10/21

Illas de liberdade no mar de 'iliberalidade'

A "Alianza de Cidades Libres" asinada por Budapest, Varsovia, Praga e Bratislava aumenta a 24.
alianza_cidades_libres
Á esquerda, varios dos representantes municipais das 24 cidades; á dereita, vista parcial do documento (Foto: Gergely Karácsony / Facebook)

Os alcaldes de catro das principais cidades de Europa central asinaron o 16 de decembro de 2019 a "Alianza das Cidades Libres". Budapest, capital de Hungría; Varsovia, capital de Polonia; Praga, capital de Chequia; e Bratislava, capital de Eslovaquia, comprometéronse a resistir xuntas ás políticas dos Gobernos destes países europeos, enmarcados no que se deu en chamar "democracias iliberais". 

"Iliberal" é un anglicismo que xoga co significado orixinal da palabra ─"intolerante"─ e coa construción morfolóxica resultante de engadir o "i" a "liberal"; é dicir, "non liberal". Unha democracia liberal ─sen o "i"─ é un sistema baseado no estado de dereito, na separación de poderes, no pluralismo político e na protección dos dereitos fundamentais da cidadanía.

Foi en 1997 que o politólogo estadounidense Fareed Zakaria acuñou o termo no ensaio The Rise of Illiberal Democracy ("O xurdimento das democracias iliberais") publicado na revista Foreign Affairs. Defendía que dicir que un Estado é democrático é dicir pouco de como ese Estado é realmente gobernado.

Os Gobernos ultraconservadores de, por exemplo, Hungría ou Polonia ─dous Estados membros da Unión Europea─ transitan desde hai anos pola liña divisoria que marca ese "i". En 2019, aqueles catro alcaldes comprometéronse a promover "os valores comúns de liberdade, dignidade humana, democracia, igualdade, estado de dereito, xustiza social, tolerancia e diversidade cultural".

Europa, América, Asia

Eran catro e desde esta quinta feira xa son 24. De novo foi Budapest, como hai dous anos, o escenario para a sinatura do acordo, que inclúe cidades de fóra de Europa. As 20 novas adhesións son: Amsterdam, Barcelona, Florencia, Frankfurt, Gdansk, Ljubljana, Londres, Los Angeles, Mannheim, París, Podgorica, Rijeka, Stuttgart, Taipei, Taoyuan, Tirana, Ulm e Neu-Ulm, Viena e Zagreb.

"Estou moi feliz de que cada vez máis cidades estean a abrazar os valores democráticos e a se converteren en verdadeiros epicentros do cambio. Que haxa cidades cunha xestión máis profesional e aberta pode traer un gran número de resultados positivos para todos nós", sinalou Matúš Vallo, o alcalde de Bratislava, nunha entrada no Facebook.

Vallo foi un dos asinantes orixinais da "Alianza das Cidades Libres", xunto co alcalde de Praga, Zdeněk Hříb; o de Varsovia, Rafal Trzaskowski; e o de Budapest, Gergely Karácsony. Un pacto reverberante do Grupo de Visegrado, que conforman Chequia, Polonia, Hungría e Eslovaquia.

Na altura pediron a Bruxelas que asignase e transferise directamente ás cidades os fondos comunitarios, saltándose os seus respectivos Gobernos estatais, a quen acusan de corrupción e de faceren un uso ideolóxico deste diñeiro procedente da Unión Europea.

Diñeiro, e diálogo entre cidades, necesarios para "abordar os problemas chave da cidadanía", escribiu na súa conta de Facebook Trzaskowski; aqueles recollidos no documento orixinal, como a desigualdade, a crise da vivenda, o envellecemento da sociedade ou "o sectarismo político".

Hříb, na mesma rede social, sinalou que un dos obxectivos da alianza é buscar "financiamento directo con fondos europeos para os nosos proxectos verdes". 

Democracias pasaxeiras

Un tema, o ecolóxico ─ademais da discriminación ao colectivo LGTB, ás mulleres, ás minorías étnicas ou aos inmigrantes─ contra o que estes Gobernos adoptan unha postura hostil.  

Iso que fai que sexan consideradas "democracias iliberais": onde se respectan certos aspectos formais das democracias liberais clásicas, mais ignóranse outros. Ou simplemente vulnéranse a diario os dereitos civís da cidadanía que, no caso de Hungría ou Polonia, non se axusta á súa particular interpretación dos "valores cristiáns".  

"A Alianza de Cidades Libres é unha asociación de cidades con valores mundiais, onde os alcaldes traballan estreitamente para fortalecer a democracia e o estado de dereito, para promover políticas urbanas progresistas e sostíbeis e para tomar medidas conxuntas contra o racismo, a homofobia, o discurso de odio e calquera ideoloxía exclusivas", escribiu tamén no Facebook Karácsony. 

comentarios