Illa descarta que sexa preciso voltar a un confinamento total

Pese a que a situación epidemiolóxica que deixa o Nadal no Estado español preocupa moito no Ministerio de Sanidade, o seu titular, Salvador Illa, descartou hoxe a necesidade de aprobar un confinamento total. O ministro tamén anunciou a chegada na vindeira semana das primeiras doses da vacina da compañía Moderna. 
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, conta con que no verán 70% da poboación estea vacinada.
photo_camera O ministro de Sanidade, Salvador Illa, conta con que no verán 70% da poboación estea vacinada. (Foto: Europa Press)

O ministro español de Sanidade, Salvador Illa, descartou esta quinta feira, 7 de xaneiro, a necesidade de aprobar un confinamento total da poboación, pese a considerar que a evolución do coronavirus no Estado está a xerar unha situación de "moitísima preocupación". As medidas que están a adoptar as comunidades autónomas son, en opinión do ministro, "proporcionadas" ao estado epidemiolóxico de cada territorio e contan co apoio do Goberno estatal, xa que se están tomando con base no plan de actuacións de resposta coordinada para o control da transmisión de Covid-19, engadiu Illa.

Con todo, o ministro insistiu en que existe unha "preocupación moi alta" pola evolución da pandemia. "Onte acabaron as festas de Nadal e volvemos a un proceso de normalidade e, aínda que pode haber un atraso na notificación de casos pola particularidade destas festas, a valoración que facemos é de moitísima preocupación", sentenciou.

A pesar das súas palabras, asegurou que o Goberno do Estado non contempla un confinamento total. "Pensamos que coas actuacións de resposta que marcamos en outubro hai suficiente campo de actuación para poder dobregar estes incrementos de casos", insistiu, advertindo que veñen "semanas moi complicadas" e que hai que seguir "ao pé da letra" as recomendacións das autoridades sanitarias.

A finais da semana que vén chegarán a España as primeiras doses da vacina de Moderna contra a Covid-19 e espérase que nunhas seis semanas se reciban unhas 600.000 doses, segundo informou o ministro.

Este anuncio prodúcese despois de que o 5 de xaneiro a Comisión Europea autorizase o uso da vacina de Moderna na Unión Europea, polo que será a segunda que se administre na UE (a de Pfizer e  BioNTech foron aprobadas o pasado 21 de decembro).

Durante a rolda de prensa, Illa insistiu en que a previsión que manexa o Goberno é que nos meses de maio ou xuño xa haxa 15 ou 20 millóns de cidadás e cidadáns no Estado vacinados e que no verán até 70% cento da poboación estará inmunizada.

60% da poboación tería apostado por medidas máis estritas ante o virus

Seis de cada dez persoas no Estado pensan que os Gobernos español e autonómicos deberían ter tomado medidas máis estritas para frear a pandemia, segundo desvela o estudo do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) publicado este 7 de xaneiro e realizado entre os días 11 e 16 de decembro. 25,8% opina que as restricións adoptadas eran "e son" as "adecuadas", e só 2,1% cre que non había "nin hai" que tomar medidas que limiten liberdades.

O traballo tamén revela que 27% da poboación sufriu a perda por coronavirus dalgunha persoa coñecida, 8,6% perdeu unha amizade e 7,3 algún familiar. Aliás, 99% das persoas enquisadas asegura usar máscara habitualmente, delas 6,3% emprega unha non desbotábel -e adoita ser a mesma- e 19,9% usa máis de 9 máscaras á semana. Levando a contraria ás indicacións sanitarias, 6,4% usa a mesma máscara desbotábel todos os días. 

Comentarios