A Comisión Europea presentou esta semana os datos da quinta avaliación do Código de Conduta 2016 contra os discursos de odio na rede. O Executivo comunitario valorou como positivos globalmente os resultados, que mostran que as plataformas dixitais ─entre estas, Facebook, Twitter ou Instagram─ analizaron 90% dos contidos denunciados nas primeiras 24 horas. De todo ese material sinalado como supostamente ilegal, foi retirado finalmente 71%.
O 6 de decembro de 2008 entrou en vigor na UE a "Decisión marco relativa á loita contra determinadas formas e manifestacións do racismo e a xenofobia mediante o Dereito penal". Esta criminaliza "a incitación pública á violencia ou ao odio dirixida contra un grupo de persoas ou contra un membro dese grupo definido en referencia á raza, á cor, á relixión ou crenza, á ascendencia ou á orixe nacional ou étnica". Un delito "realizado coa difusión, por calquera medio, de escritos, imaxes ou outros soportes". Estes discursos inclúen a "apoloxía pública, negación ou trivialización flagrante dos crimes de xenocidio, crimes contra a humanidade e crimes de guerra".
O 31 de maio de 2016, tras a popularización masiva das redes sociais e co fin de responder á proliferación dos discursos de odio racista e xenófobo online, a Comisión, canda as catro principais empresas tecnolóxicas do mundo ─Facebook, Microsoft, Twitter e YouTube─, presentou o Código de Conduta para atallar este problema dentro da UE.
Liberdade de expresión
Neste último informe evidéncianse varios progresos. Por exemplo, en 2016 só 40% dos contidos eran analizados nas primeiras 24 horas en contraste co 90% actual, e só 28% foi retirado polo 71% deste rexistro.
A metodoloxía é a mesma en todos os exercicios, segundo explicaron desde a Comisión, para permitir unha comparación no tempo o máis axustada posíbel. A quinta avaliación levouse a cabo durante un período de seis semanas, desde o 4 de novembro ao 13 de decembro de 2019.
Foi elaborada por 34 organizacións da sociedade civil e cinco institucións públicas, que analizaron o caso de 4.364 notificacións de todos os Estados membros agás Dinamarca, Luxemburgo, Malta e Países Baixos.
Analizados os datos, a Comisión Europea valorou positivamente o respecto das plataformas dixitais á liberdade de expresión, evitando retirar contidos denunciados que en realidade non entran dentro do cualificado como discurso de odio. Tamén salientou que as compañías respondesen e mantivesen informados os usuarios sobre a decisión a tomar co contido en 67,1% das denuncias, case dous puntos máis (65,4%) que no anterior exercicio.
Non obstante, nesta última cuestión o Executivo considera que hai un amplo marxe de mellora, xa que tan só Facebook ─que recibiu máis da metade das 4.364 notificacións analizadas─ informa sistematicamente da evolución dunha queixa.
Lei de Servizos Dixitais
"O Código de conduta continúa a ser unha historia de éxito para atallar os discursos de odio online", sinalou a comisaria de Valores e Transparencia, Věra Jourová, na presentación do informe. "Ofreceu melloras urxentes respectando ao tempo os dereitos fundamentais" e "creou colaboracións valiosas entre as organizacións da sociedade civil, as autoridades nacionais e as plataformas tecnolóxicas", dixo.
Polo seu lado Didier Reynders, comisario de Xustiza, manifestou que malia ser bos resultados, as "plataformas deben de fechar a fenda observada nas máis recentes avaliacións, particularmente na comunicación cos usuarios e na transparencia".
Neste sentido, anunciou que a futura Lei de Servizos Dixitais ofrecerá un marco claro e mellorará a loita contra os discursos de odio na rede, que podería incluír medidas "obrigatorias" para as plataformas. A norma en que traballa a Comisión, aberta á consulta pública na web EUSurvey da UE, nutrirase dos resultados obtidos desde 2016.
"Chegou o momento de asegurar que todas as plataformas teñan as mesmas obrigas en todo o mercado único, e de clarificar na lexislación as responsabilidades destas para facer que os usuarios estean máis seguros online. O que é ilegal offline fica ilegal online", engadiu Jourová.