Dereitos das mulleres

A loita pola igualdade en 15 momentos clave

ONU Mulleres presenta unha lista con 15 momentos transcendentais en 2019 na loita polos dereitos das mulleres, a menos dun ano de que se fagan 25 anos da Declaración e  Plataforma de Acción de Beijing.
unwomen
photo_camera O labor de individuos, organismos e Gobernos fixo posíbeis os logros [ONU]

A Entidade das Nacións Unidas para a Igualdade de Xénero e o Empoderamento das Mulleres, tamén coñecida como ONU Mulleres, presentou unha lista con 15 momentos transcendentais en 2019 para a loita pola igualdade. Segundo o organismo, 2020 será un ano importante neste sentido: fanse 25 anos da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, considerada a maior axenda mundial sobre os dereitos das mulleres e que foi asinada en 1995 por 189 países.

A relación está encabezada polas astronautas da NASA, a Axencia Espacial Americana, Jessica Meir e Christina Koch, que en outubro protagonizaron a primeira camiñada espacial integrada totalmente por mulleres. A saída da Estación Espacial Internacional para reemprazar un controlador de enerxía estaba prevista para marzo, mais tivo que ser posposta porque a NASA non contaba con traxes espaciais adaptados á súa talla.

En segundo lugar sitúase o equipo nacional de fútbol dos Estados Unidos, que gañou o Mundial en xullo. Antes do torneo, as xogadoras iniciaron unha demanda esixindo unha remuneración igual á percibida polos seus colegas varóns. O equipo feminino de fútbol ten moitos máis trofeos e xera máis beneficios que o masculino, mais non se traslada aos salarios. 

Quecemento global

O terceiro posto vai para a adolescente de 16 anos e activista ambiental Greta Thunberg. En menos dun ano, foi quen de crear un movemento global de acción climática. A protesta, que comezou en solitario cada sexta feira na súa escola de Suecia, estendeuse ás rúas de todo o mundo e rematou na Asemblea Xeral da ONU, onde Thunberg pediu facer máis e falar menos para salvar o planeta.

A continuación, na cuarta praza, aparece Esther Duflo, gañadora do Premio Nobel de Economía canda o seu marido Abhijit Banerjee e Michael Kremer. Duflo e os seus colegas traballaron nun enfoque para aliviar a pobreza mundial; indagaron sobre as súas causas e sobre como aquelas persoas que viven nela responden aos programas de educación, de coidado da saúde e de agricultura, entre outros.

Pinga de sangue

En quinta posición, ONU Mulleres fixouse na creación do emoji da menstruación, unha pinga de sangue, como parte do esforzo para romper co estigma e o silencio na conversa sobre a menstruación. 

Sexta colocouse a científica estadounidense Katie Bouman, que fixo posíbel contarmos coa primeira imaxe dun burato negro ─situado na galaxia Messier 87─. Bouman e o seu equipo crearon o algoritmo que a posibilitou e que se fixo pública en abril.

A seguir, no sétimo posto, púxose o foco na participación récord de mulleres no deporte, modelos para a xuventude,  consideran desde a ONU. Salientan a futbolista brasileira Marta Vieira, máxima goleadora dos Mundiais tanto feminino como masculino; a ximnasta Simone Biles, con 25 medallas mundiais; Shelly-Ann Fraser-Pryce, catro veces campioa mundial en 100 metros lisos, e Sarah Thomas, que tras superar un cancro de mama converteuse na primeira muller en cruzar o Canal da Mancha catro veces sen se deter.

A oitava posición na listaxe de ONU Mulleres foi para a decisión tomada pola xustiza española de aumentar a condena ao grupo de homes acusados de participar nunha violación colectiva en Pamplona durante a celebración das Festas de San Fermín de 2016. En primeira instancia foran condenados por abuso sexual, mais o Tribunal Supremo mudou en 2019 a sentenza a agresión sexual.

Novas alturas

A subtenente Shivangi, da India, ocupa o noveno lugar tras se converter na primeira muller piloto da Mariña india. Compárteo coas pilotos comerciais Wendy Rexon e Kelly Rexon, o primeiro dúo nai-filla en efectuar un voo, no seu caso desde Nova York. 

A rebelión que levou ao derrocamento en abril de Omar Al-Bashir e que foi en boa medida liderada polas mulleres ocupa o décimo posto. A loita estivo simbolizada por unha icónica imaxe dunha muller, Alaa Salah, vestida de branco e subida sobre un coche liderando cánticos de protesta. En outubro, Salah falou ante o Consello de Seguridade da ONU para exixir unha participación significativa das mulleres no proceso de transición.

Indonesia, Exipto e Tanzania partillan a undécima posición despois de os seus Gobernos poren en vigor neste ano que acaba a prohibición do matrimonio infantil. En xogo, estaba a protección das nenas, a súa educación e o seu futuro. No caso exipcio, a fatua publicada pola Mesquita de Al-Azhar foi decisiva.

En décimo segundo lugar sitúase Finlandia, que conformou un Goberno multipartito, con cinco formacións lideradas por mulleres. Ademais, está liderado pola primeira ministra máis nova do mundo, Sanna Marin, de 34 anos de idade.

Acoso laboral

En xuño, a Organización Internacional do Traballo (OIT) adoptou un novo Convenio e unha nova Recomendación para loitar contra a violencia e o acoso no ámbito laboral. Estas medidas valéronlle a décimo terceira posición da lista da ONU. Os documentos inciden en que a violencia e o acoso laboral constitúen unha violación dos dereitos humanos e unha ameaza para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

No décimo cuarto posto, aparecen as reformas xurídicas feitas por Botswana, o Brasil e Ecuador para protexer os dereitos da comunidade LGTBIQ+. O primeiro despenalizou a homosexualidade; o segundo castiga desde este ano a homofobia e a transfobia con até cinco anos de cárcere, e o terceiro legalizou en xuño o matrimonio entre persoas do mesmo sexo.

Por último, a ONU destaca a elección de dúas mulleres para liderar dúas das principais institucións da Unión Europea: a alemá Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, e a francesa Christine Lagarde, directora do Banco Central Europeo. Von der Leyen e Lagarde rachan, deste, con case seis décadas de mando masculino.

Case 25 anos de consenso

A Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller, en setembro de 1995, logrou unha asistencia sen precedentes: 17.000 participantes e 30.000 activistas chegaron a Beijing para debater durante dúas semanas.

Finalmente, as e os representantes de 189 Gobernos chegaron a compromisos de alcance histórico que quedaron recollidos na Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, o plan máis progresista que xamais existira e que continúa a ser un referente na loita polos dereitos da muller en todo o mundo.

Comentarios