A Igrexa pagará o IBI polos lugares que posúe e que non son de culto

Segundo os plans do Executivo de Pedro Sánchez, a Igrexa católica comezará a pagar o Imposto de Bens por Inmóbeis (IBI) por aqueles espazos que posúe que non son de culto. Así o trasladou no día de onte a vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo. Entre o patrimonio que ostenta a Igrexa, salientan os bens inmatriculados, é dicir, aqueles que sen pertenceren á institución relixiosa foron postos ao seu nome e, a pesar de todo, non paga impostos por eles. 
 
Entidades sociais e políticas exixen coñecer a listaxe de inmatriculacións (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Entidades sociais e políticas exixen coñecer a listaxe de inmatriculacións (Imaxe: Europa Press)

O Goberno español quer que a Igrexa católica comece a pagar o Imposto de Bens por Inmóbeis (IBI) polos lugares que lle pertencen e que non son de culto, segundo informou a vicepresidenta primeira do Estado español, Carmen Calvo, nunha entrevista radiofónica no día de onte. O modelo fiscal que procurará implantar nesta materia o Goberno de coalición español "é exactamente igual que en Francia e en Italia", afirmou Calvo. 

"As actividades eclesiásticas que non teñan que ver co culto terán que responder á fiscalidade", cuestión que ela mesma, segundo aseverou, xa puxo en coñecemento da Igrexa hai meses a través dunha conversa co cardeal Prieto Parolin, secretario de Estado da Santa Sé.

Respondendo a se o Goberno manterá a opción de marcar na declaración da renda o cadro da Igrexa no IRPF, Calvo afirmou que a institución relixiosa ha de informar o Tribunal de Contas sobre "como administra eses fondos en relación ao obxectivo que marca a lexislación española", segundo a cal eses cartos débense destinar a fins sociais "e non para outra cousa", sentenciou.

Un basto patrimonio aínda por coñecer

A pesar de que o Goberno español non quixo dar a coñecer aínda a listaxe realizada por petición do Congreso dos Deputados sobre os bens inmatriculados pola Igrexa, apúntase a que estas propiedades postas a nome da institución eclesiástica sen seren da súa pertenza ascenden a máis de 30.000 ao longo do Estado. 

A Igrexa ingresou 254,5 millóns de euros no ano 2017

Ademais, os últimos datos publicados pola Conferencia Episcopal sinalan que a Igrexa ingresou 254,5 millóns de euros no ano 2017 grazas ás persoas que na declaración da renda riscaron a opción de destinar diñeiro a esta institución. 

Tamén onte se reuniu a vicepresidenta co nuncio do Vaticano en España, Bernardito Auza, nun clima "cordial e colaborativo", segundo sinalou nun breve comunicado o Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática. 

As relacións entre España e a Santa Sé "foron moi fluídas durante os últimos meses, e tanto a vicepresidenta primeira como o novo nuncio, mostraron a súa disposición para seguir traballando en dar continuidade á axenda do Goberno de España en materia de asuntos relixiosos para a presente lexislatura", indicou o comunicado.

O Goberno "xa traballa" no Código Penal

En relación á rolda de prensa realizada na terza feira, 21 de xaneiro, ao remate do Consello de Ministras, en que se deu a coñecer que o Executivo tiña previsto traballar nunha actualización do Código Penal, a vicepresidenta Calvo remarcou onte que "xa están armando o proxecto de reforma". O debate sobre a mudanza irá ao Congreso dos Deputados e prevese que haxa cambios na tipificacións dos delitos de rebelión, sedición, os ambientais e que se introduza o consentimento expreso nas relacións sexuais. 

Ante as críticas das forzas da dereita españolista que igualaron o anuncio da reforma a un indulto para as presas e presos políticos condenados polo Tribunal Supremo na causa do procés, Calvo afirmou que "hai tipos penais que son anteriores á Constitución e que se acompasan mal con acontecementos nunca desexados". 

A motivación de emprender a reforma para o Executivo está pois en "acompasar comportamentos democráticos, asumidos na vida cotiá de España, a tipos penais que nalgunha sentenza europea como a alemá viuse que soaban estraños", dixo Calvo en clara referencia ás desautorizacións da alta xudicatura española que chegaron da man tribunais europeos, en relación ás causas contra as e os políticos independentistas cataláns. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

 

Comentarios