Iglesias resiste a presión de IU, Anticapitalistas e Comúns, e continúa a defender a coalición

Unha frente interna —IU, Anticapitalistas e Comúns— presiona Pablo Iglesias para que acepte viabilizar a investidura de Sánchez sen pelexar polo goberno de coalición. Isto é, presiónano para que acepte o marco estabelecido polo PSOE após o fracaso da investidura.
podemos andalucía ada colau
photo_camera Colau, durante un mitin de Podemos en Andalucía

Primeiro foi IU. Despois Anticapitalistas. E agora os comúns, embora estes de forma máis suave. Todos, porén, apuntan na mesma dirección: en ningún caso se debe propiciar unha nova convocatoria electoral, o que significa que —desbotada a coalición polo propio PSOE— son favorábeis a viabilizar a investidura de Sánchez previo acordo programático que xustificase o voto afirmativo ao candidato socialista.

Tamén hai matices entre os que presionan Iglesias. IU e Comúns ven unha fórmula á portuguesa, isto é, sustentar a acción do Goberno Sánchez desde fóra do gabinete, en tanto que Anticapitalistas —cuxo maior activo é Teresa Rodríguez, líder de Adelante Andalucía—propón votar si ao secretario xeral do PSOE e a seguir pasar á oposición para fiscalizar o executivo desde a esquerda.

Ningunha destas presións están a facer aparentemente mella no discurso oficial da contorna máis directa de Iglesias. De feito, Pablo Echenique —un dos negociadores de Podemos—desbotou a fórmula de goberno á portuguesa co argumento de que esta xa foi ensaida durante os meses posteriores á moción de censura que derrubou Raxoi: "O problema é que iso xa o ensaiamos. Fracasou", dixo.

Echenique deitou toda a responsabilidade do fracaso na negociación da investidura no PSOE, ao que identicamente responsabilizou por no seu momento non ter conseguido os apoios suficientes para aprobar os orzamentos do Estado [ao non logralo, Sánchez disolveu as cámaras e convocou eleccións].

Por tanto, Podemos continúa oficialmente a defender a coalición como a única vía que o seu grupo parlamentar está disposto a transitar para viabilizar a investidura de Sánchez.

O PSOE, en troca, mantén inalterada a posición que adoptou após a derrota parlamentar do seu candidato: morreu o goberno de coalición e só é posíbel un acordo de colaboración no Parlamento.

Comentarios