Negociación do goberno do Estado

Iglesias renuncia a entrar no goberno a cambio dunha presenza proporcional de Unidas Podemos

Pablo Iglesias dá un paso atrás e renuncia formar parte do goberno do Estado español a cambio de que o PSOE acepte estabelecer un goberno de coalición cunha presenza proporcional de ministros e ministras de Unidas Podemos conforme os votos obtidos por ambas as formacións.

Pablo Iglesias, moción de censura. 13 de xuño de 2017
photo_camera Pablo Iglesias, moción de censura. 13 de xuño de 2017

Após o presidente do goberno en funcións, Pedro Sánchez, sinalar que a vontade de Pablo Iglesias de estar no Consello de Ministros era a principal dificultade para asinar un pacto de cogoberno, o líder de Podemos anunciou este sexta feira que renuncia a formar parte dun goberno de coalición liderado por Sánchez.

A condición que pon Iglesias é clara: a fin dos vetos a membros da súa formación e a presenza de Unidas Podemos no Consello de Ministros de maneira proporcional ao resultado das urnas.

Ofrece así a Sánchez negociar o programa e os equipos dun goberno de coalición sen a súa presenza no mesmo

Ofrece así a Sánchez negociar o programa e os equipos dun goberno de coalición sen a súa presenza no mesmo, é dicir, descartando o que o presidente do goberno central en funcións denominou esta semana nunha entrevista nunha televisión privada como “principal escollo” nas negociacións, en referencia ao suposto desexo de Iglesias de facerse con carteira ministerial.

Iglesias fai pública a súa nova posición a través da súa conta de twitter

Iglesias afirma na súa rede social que “España necesita xa un goberno de coalición de esquerdas que asuma que os dereitos sociais teñen que ser o eixe de goberno. O PSOE di que o único escollo que evita ese goberno son eu. Estiven reflexionando estes días e non vou ser a escusa para que o PSOE evite ese goberno de coalición. A miña presenza no Consello de Ministros non vai ser o problema sempre e cando o PSOE asuma que non pode haber máis vetos, que a presenza de Unidos Podemos no goberno ten que ser proporcional ao número de votos e que a proposta (de nomes) loxicamente a fará Unidas Podemos. Trasladei isto a Pedro Sánchez e pedín a Pablo Echenique que traslade ao PSOE a nosa vontade de negociar xa un goberno de coalición de esquerdas, un acordo integral, programa e equipos, para sacar adiante a investidura a semana que vén”.

Comentarios