Iglesias non recuncará na Secretaría Xeral de Podemos

Iglesias confirma que non volverá optar a ser secretario xeral, despois de renunciar á Vicepresidencia Segunda do Goberno estatal para lanzar a súa candidaturas ás eleccións na Asemblea de Madrid.
Ione Belarra, Yolanda Díaz e Pablo Iglesias no traspaso de carteiras ministeriais, após súa renuncia. (Foto: J. Hellín. POOL / Europa Press)
photo_camera Ione Belarra, Yolanda Díaz e Pablo Iglesias no traspaso de carteiras ministeriais, após súa renuncia. (Foto: J. Hellín. POOL / Europa Press)

O ex vicepresidente segundo do Goberno do Estado e secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, anunciou que non recuncará na Secretaría Xeral unha vez que se convoque a IV Asemblea Ciudadana da formación estatal, prevista en 2023.

Iglesias apostou por “unha renovación dos equipos e un estilo máis coral” nunha entrevista esta sexta feira en TVE, onde salientou que despois de terse presentado tres veces “non tería que volver optar” a dirixir Podemos, “é lóxico que haxa unha renovación. Temos un sistema que garante que os cargos se teñan que ir renovando” indicou.

Con respecto á sucesión na candidatura á Presidencia do Goberno de Unidas Podemos, na que apostara por Yolanda Díaz cando renunciou á Vicepresidencia Segunda, afirmou que “vaino facer mellor ca min e vai ser presidenta do Estado”, “ademais de ter outro estilo, vai ser máis difícil de atacar” engadiu.

No que atinxe á Secretaría Xeral de Podemos, dado que Yolanda Díez non ten carné da formación, Iglesias non revelou as súas preferencias mais sinalou “que hai moitas compañeiras preparadas” para esa función e que “hai que preservar a diversidade do noso espazo”.

Tamén se declarou centrado na súa candidatura o 4 de maio á Asamblea de Madrid “para gañar as eleccións a dereita e a extrema dereita” puntualizou Iglesias.

Un dos temas candentes nos últimos días nas eleccións en Madrid foi a violencia no acto de Vox en Vallecas, no que a Policía e as asistentes ao acto da extrema dereita cargaron contra as manifestantes tras Santiago Abascal pedirlles “imos a por eles”.

Neste punto Iglesias responsabiliza Abascal “até o punto de que a Policía o acusou” de incitar á violencia, “é o modus operandi da extrema dereita” sinala. Asemade pide responsabilidade aos medios que están branqueando o fascismo “igual que o racismo, non é unha opción respectábel”.

Lembrou tamén as denuncias de CCOO sobre o sectarismo dos informativos da televisión pública estatal.

O único secretario xeral de Podemos

Desde o seu nacemento en 2014, Pablo Iglesias foi o único secretario xeral que tivo Podemos. Só catro meses máis tarde afrontaba as súas primeiras eleccións, neste caso ao Parlamento Europeo, onde acadaron o 8%. Ano e medio máis tarde superaban o 20% ao entrar con 69 deputadas no Congreso.

Nas últimas eleccións xerais, en novembro de 2019, non conseguiron superar o 10% (26 escanos) tras sucesivas baixas, a pesar diso, foron quen conformar co PSOE o primeiro Goberno de coalición no Estado desde a Segunda República.

Comentarios