38,57 por cento de participación

Iglesias e Montero reteñen o apoio de 2 de cada 3 inscritas de Podemos

A continuidade dos máximos dirixentes de Podemos após o affaire do chalet dos 600 mil euros foi sancionada nunha consulta cunha participación superior á rexistada en Vistalegre II, o 38,57 por cento das persoas inscritas no partido morado. Dous terzos votaron a favor de Iglesias e Montero reteren os seus cargos -secretario xeral e portavoz do grupo parlamentar, respectivamente-, un terzo a prol da súa demisión. Que un terzo da túa militancia che exixa a renuncia é sinal dun desgaste significativo.

Pablo Iglesias e Irene Montero a presidir o Consello Cidadán Estatal de Podemos
photo_camera Pablo Iglesias e Irene Montero a presidir o Consello Cidadán Estatal de Podemos

128.300 persoas inscritas -68,42 por cento- votaron a prol da continuidade da dupla Iglesias-Montero ao fronte da terceira formación política con máis escanos no Congreso dos Deputados. Votaron en contra 59.224, isto é, 31,58 das bases da marca morada. Tiñan direito de sufraxio 487.772 persoas e exercérono 188.176, 38,57 por cento. Unha cifra histórica dentro de Podemos -até agora as súas consultas téñense caracterizado pola súa baixa participación-, mais inferior por exemplo á rexistada (40 por cento) no recente referendo interno realizado na Marea por volta do affaire Paula Quinteiro.

A dirección considera os resultados un suceso, sendo que Pablo Iglesias colocara como obxectivo superar o índice de participación de Vistalegre II, proceso en que tomaron parte 155 mil persoas. Daquela o politólogo da Complutense conseguira tamén 128 mil votos a favor e foi reelexido secretario xeral co 89 por cento (21 pontos máis que os obtidos agora).

Conscientes da dimensión da súa oposición interna -até o de agora esta expresábase a favor doutras candidaturas á dirección, non directamente a prol da súa demisión- Iglesias e Montero afirmaron este domingo "tomar nota da mensaxe", o que os levou a se comprometeren a corrixir algúns elementos da súa "práctica política".
 

Comentarios