Iceta gaña a Parlon as primarias do PSC por escasa marxe e cun 50 por cento de participación da militancia

Apenas o 50 por cento da militancia do PSC tomou parte este sábado nas primarias que revalidaron Miquel Iceta como primeiro secretario do PSC, o partido fundado en 1978 que é a marca do PSOE en Catalunya.

iceta
photo_camera Iceta e Parlon

Iceta, que se fixo hai dous anos coa secretaría xeral do PSC após a demisión de Pere Navarro, fixo valer o seu dominio do aparato, mais tamén a simpatía que desperta en boa parte da militancia pola súa enerxía e a súa capacidade para empatizar quer coas bases do partido máis próximas das sensibilidades nacionalistas quer con aquelas que conectan máis co PSOE como proxecto para todo o Estado.

Con todo, a súa vitoria produciuse por apenas 700 votos face Núria Parlon, a representante da ala máis pro-soberanista do PSC. Entre Iceta e Parlon, contodo, as diferenzas son microscópicas. Ambos están polo referendo de autodeterminación -sempre, iso si, que sexa pactado con Madrid- e ambos están por negar a abstención a Rajoy nunha nova investidura, isto é, están aliñados co secretario xeral demitido, Pedro Sánchez, ao que sen dúbida acompañarían nunha eventual aventura de retorno ao poder en Ferraz.

Iceta obtivo o 54,14 por cento do voto -4.889 sufraxios- face o 45,86 por cento -4.142 papeletas- de Núria Parlon. A participación, aliás, ficou apenas no 50,82 por cento das aproximadamente 18 mil persoas que militan no PSC.

Unha vez coñecidos os resultados, Iceta e Parlon esforzáronse por transmitir unha imaxe de unidade e cohesión do partido. O PSC é consciente de que nesta altura non se pode permitir o luxo de unir os problemas internos a unha conxuntura xa abondo difícil para el, sen dúbida a máis complexa desde que foi fundado no comezo do actual réxime político. De facto, Parlon continuará a ser vicesecretaria do partido e a súa portavoz. 

Para reforzar esta impresión de unidade, nas súas primeiras palabras como primeiro secretario reeleito, Iceta prometeu unha dirección "máis colexiada" e un PSC que oferecerá unha imaxe "máis coral e máis colectiva".

As primarias desencadearon un episódico retorno de Pedro Sánchez á actividade pública, a meio dun chío en que o ex secretario xeral, alén de parabenizar o PSC, referendaba a súa aposta na participación da militancia na tomaa de decisións do partido, unha clara mensaxe ao actual aparato de Ferraz.

Comentarios